Por E.P. | Pontedeume | 08/02/2022 | Actualizada ás 21:01
O comité de empresa e a dirección da planta de Leite Celta en Pontedeume chegaron a un acordo á primeira hora da tarde deste martes para a renovación do convenio colectivo, o que porá fin á folga parcial indefinida que os traballadores mantiñan desde o pasado 31 de xaneiro.
O pacto alcanzado tras unha reunión de máis de seis horas contempla un incremento salarial do IPC real no conxunto do convenio colectivo durante os anos de vixencia (2021-2024), cun tope do 4.5% máis as subidas porcentuais correspondentes a cada exercicio.
Deste xeito, segundo detallou o representante da CIG e responsable de acción sindical, Fran Cartelle, os traballadores logran a principal reivindicación do persoal a nivel económico, como é o de "garantir o poder adquisitivo dos salarios".
PLUSES
Ademais, pactan melloras na retribución da nocturnidade, incrementar o prezo de todos os festivos traballados, redúcese a xornada anual en oito horas e chegouse tamén ao acordo de subir o abono dos festivos especiais (24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro) ata os 120 euros, que terán cada ano o incremento correspondente ao convenio.
Así mesmo, equiparanse os permisos das parellas de feito cos de matrimonio e establécese por convenio que as licenzas comecen a contar en día laborable. Tamén se amplía a xornada de verán para o persoal administrativo e créase unha comisión para a reclasificación das categorías, o que suporá á súa vez un incremento nos salarios.
MARCHA ATRÁS DA EMPRESA
En canto ás pretensións empresariais de introducir un sistema retributivo ligado á produtividade e ao absentismo, esta sae do convenio e as partes quedaron emprazadas a crear unha comisión na que estudar a creación doutros complementos retributivos e a fixación dos seus parámetros.
A CIG, sindicato maioritario que conta con sete do nove delegados, o seu responsable de acción sindical, Fran Cartelle, quixo destacar que este preacordo "non sería posible sen a determinación e a forza dos traballadores para levar adiante unha folga que hoxe cumpre 18 días".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.