Piden o cesamento da secretaria de Política Social por "incompetencia e deixadez"

O comité de empresa da Consellería aproba por unanimidade pedir a saída de María Francisca Gómez Santos por "promesas incumpridas".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2022 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

Novas mobilizacións entre os traballadores dependentes da Consellería de Política Social. O Comité de Empresa da consellería, composto pola CIG, CCOO, CSIF, UGT e CUT, vén de aprobar por unanimidade nun pleno a petición do "cesamento inmediato" da Secretaria Xeral da amentada consellería, María Francisca Gómez Santos.

María Francisca Gómez Santos na súa toma de posesión
María Francisca Gómez Santos na súa toma de posesión | Fonte: Xunta.gal

Dende a fronte sindical expoñen unha serie de razóns para esixir este cesamento. Destacan, por un lado, o continuo ninguneo ao propio comité, ao que tería ofrecido "falsas promesas e só boas palabras que na práctica xamais se cumplen". Neste aspecto, cifran a suposta promesa da secretaria de revisar o protocolo de preparación da medicación na quenda de noite por parte das enfermeiras e auxiliares de enfermería na Residencia Mixta de Ferrol, circunstancia que segundo apuntan non se tería feito.

"A Consellería non é quén de xestionar este problema co SERGAS, responsable da preparación dos medicamentos por persoal cualificado para tal", destacan. A esta cuestión suman o "alarmante aumento do número de baixas laborais", que se dan "nuns cadros de persoal cansos e avellentados; con moito persoal con adaptacións de postos aos que a secretaria xeral se nega a reforzar, causando un sobretraballo e estrés laboral no resto de traballadoras en quenda".

"DEIXADEZ E INCOMPETENCIA"

Outra promesa "incumprida" era a de "recuperar o dereito ao comedor" substraído do Convenio Colectivo, de forma unilateral e "sen ningunha negociación coa parte social", tamén dende o ano 2013. Dende o comité aseguran que en plena pandemia persoal desplazado do seu domicilio "non tiña nin onde ir xantar co peche da hosteleria". A secretaria xeral non posibilita de nengun xeito recuperar este dereito.

"Entendemos dende este Comité de Empresa que todo o exposto supón unha nova baixada da calidade asistencial ,o que demostra unha vez máis o desprezo tanto ao seu persoal como aos residentes, causado pola incompetencia e a deixadez da responsable máxima de xestionar estes problemas e darlles solucións".  Por iso demandan o cesamento deste alto cargo da Xunta, que "mantén unha absoluta deixación das súas funcións e competencias profesionais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta