A Rosalía menos reivindicada, "alegre e rebelde", chega a Instagram e TikTok da man do 'Es ti que cantas'

Nace unha iniciativa que, a través de audiolibros, pílulas audiovisuais, unha unidade didáctica e un concurso, tratarán de achegar a figura de Rosalía de Castro á xeración Z.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/02/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

'Es ti que cantas', unha iniciativa de Rebordelos que xira arredor da figura de Rosalía de Castro dun xeito transversal, integral e actual, tanto en forma como en estética; viu a luz. Trátase dun proxecto que proporciona diferentes formas de que o público se achegue á obra de Rosalía de Castro: audiolibros, pílulas audiovisuais, unha unidade didáctica e un concurso. Todas orientadas a que a nosa propia voz atope na súa un camiño de descubrimento porque “cando Rosalía escribe, todas e todos soamos na súa voz”.

De esquerda a dereita: Xosé Barato, Tamara Canosa, Anxo Angueira e Rocío González; na presentación de 'Es ti que cantas'.
De esquerda a dereita: Xosé Barato, Tamara Canosa, Anxo Angueira e Rocío González; na presentación de 'Es ti que cantas'. | Fonte: Foto: Rocío Cibes

O proxecto presentouse no Instituto da Lingua Galega con Tamara Canosa, directora de 'Es ti que cantas'; Rocío González, lectora dos audiolibros; Xosé Barato, director artístico dos audiolibros; e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro. E, en palabras de Canosa, “con isto buscamos botarlle unha ollada á Rosalía menos reivindicada: alegre, rebelde, adiantada á súa época, feminista cando aínda non había feminismo e ecoloxista cando aínda non había ecoloxismo. Por iso decidimos artellar a iniciativa en varias patas”.

AS "FIESTRAS"

A primeira das "patas", as “fiestras”: unha serie de pílulas audiovisuais a cargo do cineasta Xacio Baño que afondan na relación da obra de Rosalía de Castro coa súa vida. Asómanse, dende o presente, á vida nómade e sen casa propia que a escritora levou dende a infancia visitando as fiestras dos lugares nos que pasou a súa vida.

As “fiestras” enlazan versos con espazos, paisaxes e momentos vitais para asomarnos á pegada dos moitos sitios nos que Rosalía viviu e dende os que escribiu; xa por seguir os destinos laborais do seu marido, Manuel Murguía.

OS SEUS VERSOS EN INSTAGRAM E TIKTOK

A segunda vía é unha unidade didáctica para que os institutos que o desexen poidan

traballala, levada a cabo por María López Sández. E a terceira vía continúa estar a ligada á mocidade e á xeración Z, pois trátase do concurso #ESTIQUECANTAS, enfocado rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos, que se desenvolverá en Instagram e Tik Tok para que interpreten a obra en galego de Rosalía de Castro segundo o seu ollar.

Os participantes crearán un vídeo breve (menos de 60 segundos e coa súa propia linguaxe: memes en movemento, gifs, stickers...) no que amosarán o que lle inspiran as palabras da escritora para compartilo a partir do 23 de febreiro, o día de Rosalía, e ata o próximo 15 de marzo. O xurado -formado por Lucía Aldao, e as tiktokers Prado Rúa e Malva- dará a coñecer os nomes dos gañadores e gañadoras o próximo 21 de marzo, Día Internacional dos Bosques e da Poesía dende as contas de @estiquecantas de Tiktok e Instagram.

AUDIOLIBROS PARA "MULTIPLICAR A SÚA VOZ"

A cuarta parte do proxecto, e sobre a que se asenta todo nun inicio, son os audiolibros da obra en galego de Rosalía de Castro concibidos unha ferramenta para multiplicar a súa voz dende a accesibilidade e a implicación directa coas lectoras e lectores, coas e cos ouvintes. Tal e como explicou Rocío González, “tanto o director artístico dos audiolibros, Xosé Barato, coma eu, quixemos ser unha canle, darlle protagonismo ao que xa está escrito deixándonos levar pola musicalidade, a métrica, o ritmo... da obra de Rosalía”.

Deste xeito, todos e todas as ouvintes poderán escoitar a obra completa de Rosalía de Castro en galego: “Cantares gallegos”, “Contos da miña terra” e “Follas novas”, sumando máis de 150 audios en total, ademais de ter a posibilidade de consultar as obras anteriormente citadas en pdf.

As claves da lectura para poder levar esta parte do traballo a cabo proporcionoullas Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, que afirmou que “celebrar a Rosalía non é celebrar o pasado. Cando ela naceu, naceu o futuro. O que celebramos é o futuro”, poñendo tamén o aceno no especial que é este proxecto polas súas características e a súa natureza novidosa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta