Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2022 | Actualizada ás 22:20
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, augurou o 'rexurdimento' dos socialistas galegos para relevar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pola súa "inoperancia" na defensa dos intereses dos galegos e das galegas.
Formoso pronunciouse deste xeito na clausura do IX Congreso provincial do PSOE da Coruña, no que Bernardo Fernández foi proclamado secretario xeral provincial. Na súa intervención, asumiu o reto de chegar á Xunta de Galicia para "devolverlle a ilusión a Galicia" e "pasar páxina dun Feijóo máis preocupado por facer seguidismo de Ayuso, Casado, Mañueco e Ejea" que de defender a Galicia.
Tras criticar que renunciase a defender os intereses de Galicia para "ser oposición ao Goberno do Estado", Formoso criticou a estratexia de pór "paus nas rodas" de Feijóo en cuestións como a reforma laboral, a actualización das pensións ou os bonos de aluguer.
Fronte a esta actitude de frear "o avance do país", asegurou que o proxecto socialista representa a ilusión. "Un partido que anhela soñar Galicia, recuperar o espírito dun país que necesita reinventarse, revolucionarse tranquilamente e soñar cun país aberto", afirmou.
O líder dos socialistas galegos augurou o 'rexurdir' de PSdeG porque se parece "máis" a Galicia que "ningunha outra formación". "Unha Galicia que ten espírito propio, non ten apelidos nin pertence a ningunha formación política".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.