Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2022 | Actualizada ás 12:58
E á fin se pronunciou Feijóo sobre a problemática eólica en Galicia. O presidente da Xunta desenvolveu este mércores unha dura defensa do actual modelo de explotación do vento en Galicia no pleno do Parlamento Galego, asegurando a "legalidade" das tramitacións dos parques --a pesar de que polo menos un xa foi condenado pola xustiza-- e cunha petición clara: non "demonizar" o sector.
Feijóo respondeu así a unha intervención da bancada do PSdeG apuntando que o modelo eólico galego se caracteriza pola "legalidade" e por que o ingresos e tributos das empresas quedan na Comunidade. Asemade, o presidente da Xunta apuntou a unha das medidas máis polémicas do executivo, a suposta moratoria eólica, que detería durante un ano e medio a tramitación de novos parques.
Na práctica, a medida da Xunta de Galicia vén cargada de tal letra pequena que os proxectos poden seguir adiante sempre e cando o Goberno autonómico así o considere, como xa apuntou Galicia Confidencial. A estratexia foi tan sonada que mesmo o Consello da Cultura Galega se dirixiu á Xunta para demandarlle a implantación dunha moratoria real cun informe no que constataba o dano dos eólicos sobre o medio galego.
Pero Feijóo foi máis alá e, na mesma intervención, asegurou que a moratoria eólica fora implantada coa vista posta nos parques eólicos tramitados polo Goberno Central, aos que acusou de proceder á unha instalación "sen control". Así, segundo o presidente da Xunta, a moratoria tería tido como obxectivo "non seguir enchendo de incongruencias e tensións o territorio de Galicia e parar o disparate da tramitación dos parques eólicos sen control do Ministerio de Medio Ambiente".
Resulta rechamante a apreciación de Feijóo en tanto que, nos últimos meses, o movemento ecoloxista ten denunciado ducias de proxectos eólicos fragmentados de forma pretendidamente irregular para que fora precisamente a Xunta a que decidira sobre a súa tramitación, e non o Goberno. A este correspóndenlle os proxectos de máis de 50MW, mentres que a Xunta toma cargo dos complexos con menos potencia. Así se explicaría que multitude de empresas, din as asociacións, decidiran seccionar os seus parques en núcleos por debaixo dos 50MW para pasar a depender do visto bo da Xunta.
A intervención de Feijóo foi contestada pola oposición no mesmo momento en que a estaba anunciando, correndo un rumor por entre as bancadas da oposición que tivo que ser silenciado polo presidente da cámara Miguel Santalices. No mesmo intre, Feijóo atacou ao PSdeG acusándoos de desenvolver unha política enerxética proclive ao peche de todas as centrais de Galicia.
Igualmente, censurou o "disparate" de pechar a Central das Pontes para despois volvela abrir. O presidente da Xunta ignorou así que o peche das Pontes veu motivado pola normativa europea e os impostos ás emisións contaminantes, que nun momento cercenaron a rendibilidade da planta. Coa suba do prezo da luz, a central tería regresado a un futuro con números verdes, razón pola que se volveu levar carbón aos seus fornos.
Se queren falar de tramitación coherente, respectuosa, cumprindo a lei e nos lugares onde se pode instalar, teñen a man tendida do Goberno galego.
— Alberto Núñez Feijóo (@FeijooGalicia) February 23, 2022
Pido non demonizar o sector eólico pic.twitter.com/BpDOSF2jxF
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.