A Real Academia Galega das Ciencias inicia novo curso con cinco incorporacións estelares

O ente acolle novos investigadores de distintos eidos, dende a fiscalidade aos drons.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Novos cerebros na Real Academia Galega de Ciencias. A RAGC celebrou o martes 22 a apertura do seu curso académico nun acto no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela ao que asistiron o presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio, outros membros do equipo de goberno e académicas e académicos da entidade. Entre as autoridades presentes destacaron as cinco novas incorporacións á Academia, que virán a engrosar a lista de investigadores do ente galego. 

Acto da apertura do curso de 2022 na RAGC
Acto da apertura do curso de 2022 na RAGC | Fonte: RAGC

Juan Lema inaugurou coa súa intervención o curso académico “con moita ilusión en poder contribuír á promoción da ciencia entre a sociedade”. Salientou que o inicio do curso é unha moi boa ocasión para facer un repaso do feito e de tomar novos pulos para os vindeiros meses, e así se manifestou coa presentación da memoria do curso 2021 onde se describe o gran número de actividades desenvoltas durante o pasado ano. “A Academia, paseniñamente, vaise introducindo cada vez con máis intensidade na sociedade científica pero tamén na sociedade civil”, manifestou. Tamén agradeceu en nome da institución que os cinco novos académicos correspondentes aceptaran ser “os nosos embaixadores contribuíndo as nosas actividades dun xeito xeneroso e desinteresado”.

Estes novos investigadores son María Soledad Soengas, Ana Cebreiro, Aníbal Ollero, Manuel J. Tello e Ángel Sanjurjo. María Soledad Soengas González (Agolada, 1968), coñecida como Marisol Soengas, foi presentada polo académica numeraria María José Alonso. Soengas sinalou que este recoñecemento faina sentir orgullosa dobremente, “primeiro por valorar o impacto científico do traballo do seu laboratorio no campo do melanoma e, por outra parte, por proceder dunha entidade con tanto peso e tradición en Galicia. “A nena que naceu na Aldea do Monte na Agolada e pasaba os veráns na de Fonfría en Antas de Ulla, nunca podería ter imaxinado haber chegado ata unha Real Academia de las Ciencias”, confesou.

Con referencia ao contexto actual, Ana Cebreiro sinalou que a pandemia da covid-19 danou de maneira significativa a senda do crecemento dos países, cunha recuperación que será desigual. “As medidas para paliar a crise abriron unha gran brecha nas finanzas públicas a nivel mundial, e hai un consenso xeral sobre o papel fundamental que o sistema tributario debe ter, en particular nun contexto de niveis de débeda nunca antes vistos. Precísase prestar atención á equidade do sistema fiscal, non só do lado dos ingresos senón tamén do gasto, coa finalidade de alcanzar un sistema fiscal máis xusto e xerar a oportunidade de construír un sistema tributario máis verde e transparente”, asegurou.

 

Tras a presentación do académico numerario Pedro Merino, Aníbal Ollero Baturone comezou lembrando os seus comezos como profesor universitario na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo, naquel momento adscrita á USC, facendo tamén referencia ao Centro Avanzado de Tecnoloxías Aeroespaciais, do que é director científico, que conta con oficinas en O Milladoiro. 

 

Fixo un percorrido pola súa traxectoria científica, destacando os seus traballos sobre robótica, control e intelixencia artificial nos anos 80 e 90, e no “Robotics Institute” da Carnegie Mellon University en EE.UU. Seguidamente, falou dos seus traballos de investigación sobre vehículos aéreos non tripulados e robótica aérea que constitúen, desde principios deste século XXI,  o seu campo de especialización. 

 

Foi entón a quenda do catedrático de Física, considerado impulsor de candidatura para instalar en España a fonte europea de neutróns por espalación, Manuel J. Tello León, apadriñado polo académico numerario Félix Vidal. Ofreceu unha reflexión sobre a sutileza conceptual da ciencia e sobre a integración do coñecemento sensible (a ciencia) co coñecemento non sensible, tendo como punto de partida a perspectiva e o alcance do coñecemento captable.

 

Finalmente, o presidente de Honra da RAGC, Miguel Ángel Ríos Fernández, deu paso coas súas palabras ao último ingreso da xornada coa incorporación como académico correspondente de Ángel Sanjurjo Bermúdez. Sanjurjo agradeceu á Academia a súa elección para formar parte deste grupo ilustre. “A academia ten unha resonancia especial para min, xa que varios dos meus profesores foron impulsores orixinais da entidade, como Vidal Abascal e Luis Iglesias; membros como Vidal Costa; e outros obxecto de homenaxe por parte da institución, como Tomás Batuecas e Ignacio Ribas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta