Por Europa Press / Redacción | VIGO | 28/02/2022 | Actualizada ás 11:59
A Xunta anunciou que abrirá este martes, 1 de marzo, o prazo para inscribirse ás listas de emprego temporal para traballar nos servizos públicos da Administración galega, polo que calquera persoa que cumpra os requisitos de titulación poderá anotarse nas bolsas abertas para o nomeamento de funcionarios interinos e contratación de persoal laboral temporal.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o próximo 30 de abril, segundo recolle a resolución da Dirección Xeral da Función Pública publicada este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG).
"Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos. As persoas contratadas prestarán servizos en institutos politécnicos, centros de atención a menores ou persoas con discapacidade, residencias de maiores, centros para persoas con dependencia, nos servizos de gauardacostas ou como veterinarios", explicou o Executivo autonómico nun comunicado.
O número de listas que estarán abertas para inscrición é de 36. Delas, 27 son para traballar como funcionario interino e as outras nove como persoal laboral. Entre as listas abertas están as de enxeñeiros de camiños, canles e portos, de minas e de montes, veterinarios, profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, enfermeiro, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, auxiliar de enfermaría ou xefe de cociña, entre outras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.