Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 01/03/2022 | Actualizada ás 09:00
Hai aproximadamente dúas semanas as 20 mulleres que forman parte do proxecto 'Espazo para mulleres' de Cruz Vermella na Coruña, recibiron a noticia de que o espazo pecharía o 31 de marzo por falta de recursos. Unha sen dúbida moi mala noticia para estas mulleres en dificultades sociais, pois nese espazo (deseñado especificamente para elas) levábanse a cabo obradoiros nos cales se traballaban a expresión corporal, o emprendemento, as emocións, a defensa persoal ou a alimentación saudable. A través do proxecto tamén se lles ofrecía ás mulleres unha axuda económica, unha tarxeta destinada a alimentación, e aseguran as mulleres participantes no 'Espazo para mulleres' foron suspendidas antes da finalización oficial do espazo.
"Esa tarxeta destinada á alimentación é imprescindible para nós que, na nosa ampla maioría,
atopámonos baixo circunstancias extremas de vulnerabilidade económica", denuncian as mulleres. Ademais, censuran que a alternativa que lles ofreceu Cruz Vermella é que acudan a outras ONGs coa esperanza de que alí poidan ofrecerlles recursos. "Aínda máis sorprendente é a decisión de Cruz Vermella Galicia de decidir pechar o espazo, se temos en conta que, segundo os orzamentos ofrecidos pola web estatal da organización, a delegación en Galicia tanto no 2020 como no 2018 contou cun excedente orzamentario de 1.564.648€ e 1.736.906€ respectivamente", reproban.
As mulleres denunciantes desta situación explican que todas elas comparten un denominador común, e este é o feito de ter vivido violencias machistas no eido persoal, así como "unha violencia institucional exercida por organismos públicos e privados que nos abandonaron". Moi críticas co desenvolvemento do 'Espazo para mulleres', pois consideran que os obradoiros estaban pouco enfocados á súa realidade económica ou social, aseguran que o valor dese espazo creado por Cruz Vermella era que "as mulleres que participabamos fomos capaces de facer del un lugar no que tecer redes entre nós".
Así pois, reclaman o mantemento do taller de emocións, guiado e coa presenza dunha psicóloga cuxo posto sexa permanente, "evitando que sexa un posto ocupado por profesionais da psicoloxía que rotan cada pouco tempo". Tamén esixen a permanencia das axudas económicas básicas, como as mencionadas tarxetas de alimentos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.