Dous traballadores intoxicados por inhalación de gas nas Somozas

Aconteceu nunha empresa de tratamento de residuos. Un deles tivo que ser trasladado tras perder o coñecemento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2022 | Actualizada ás 11:59

Comparte esta noticia

Dous operarios resultaron intoxicados por inhalación de gases mentres traballan nunha empresa de tratamento de residuos nas Somozas e un deles tivo que ser trasladado. Un dos afectados foi quen contactou, minutos antes das 08,30 horas deste sábado, co 112 Galicia. O operario sinalaba na chamada á central de emerxencias que se atopaba co seu compañeiro no interior da planta Físico-Química da empresa e que sentían indispostos, probablemente, por mor da inhalación dalgún gas.

De inmediato, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxo os feitos en coñecemento dos servizos sanitarios, dos Bombeiros do Eume, da Garda Civil e do GES de Ortigueira, así como dos responsables da empresa. Segundo explicou o 112 Galicia, unha reacción química dalgún gas puido ser a causa da intoxicación, que provocou que un dos afectados perdese o coñecemento.

Así mesmo, os servizos de emerxencias confirmaron que, finalmente, un operario tivo que ser trasladado en ambulancia ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. O outro traballador que tamén resultou afectado, non necesitou ser trasladado.

Un traballador sanitario totalmente protexido nunha ambulancia
Un traballador sanitario totalmente protexido nunha ambulancia | Fonte: Carlos Castro - Europa Press - Arquivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta