Están os poderes públicos especulando coas terras en man común?

Están os poderes políticos e administrativos a colaborar con entidades privadas para a desaparición do monte común?. Hai interese en borrar da memoria a pegada histórica do aproveitamento comunal do monte?. Nesta reportaxe tentamos averigualo.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 03/04/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

En 1989 aparece a Lei de Montes Veciñais en Man Común de Galicia. Foi un primeiro paso para a defensa deste tipo de propiedade comunal. Con todo, existían leis estatais que estaban por encima do texto galego como a lei de montes de 1957 e o seu regulamento de 1962 para facela efectiva. En 2003 apróbase a lei estatal de Montes e case dez anos despois, 2012, a Xunta crea unha nova lei de montes que sufrirá modificacións en caso de que así o estipule a correspondente Lei de Acompañamento dos Orzamentos de Galicia, un método considerado moi pouco democrático.

Bosque. EUROPA PRESS - Arquivo
Bosque. EUROPA PRESS - Arquivo

UNHA PROPIEDADE PRIVADA EN COMÚN

A propiedade legal dos montes en man común pode resultar confusa en tanto que non son poucas as persoas que a confunden con propiedade pública. O monte en man común sería unha propiedade compartida entre a veciñanza dun lugar, é unha propiedade privada pois non pertence a unha administración pública (concello, provincia, autonomía ou estado).

Coas desamortizacións realizadas desde o século XIX, houbo un intento de eliminar esta figura comunal por non haber propietarios e propietarias claras. “A usurpación de montes comunais en Galicia polo menos, puido evitarse mediante a división do monte comunado en parcelas e poñelas ao nome dalgún veciño”, explica Diego Sánchez do Sindicato Labrego Galego (SLG). Isto preservou, en principio, os dereitos de explotación e propiedade comunal. E hoxe en día?

“A propiedade comunal baseada no dereito xermánico está recoñecida e protexida pola lei estatal 43/2003” sinala Jacobo Feijóo de Unións Agrarias (UU.AA). A lei estatal está por encima da lei autonómica de 1989 (aínda sendo anterior á do Goberno central) e a de 2012. O monte ou é veciñal ou non é, se é veciñal a potestade “é das persoas que viven nesa parroquia, mais se é un caso de monte con titularidade xermánica, a veciñanza debe pedir a clasificación como tal ao Xurado Provincial de Montes”.

Bosque da Lingua, iniciativa da Comunidade de Montes de Couso en Gondomar.
Bosque da Lingua, iniciativa da Comunidade de Montes de Couso en Gondomar. | Fonte: Comunidade de Couso

O COMÚN NON INTERESA

Os montes propiedade dos concellos ou son de utilidade pública ou patrimoniais mentres que en man común hai unha explotación de recursos para aproveitamento privado, aínda que repartido entre unha comunidade. O problema vén cando a titularidade comunal é considerada pública polas diferentes administracións. “Porque aínda quedan montes en man común cuxa figura legal non foi recuperada” di Feijóo. Estes montes figurarían, nalgúns casos como propiedades públicas. Só demostrando un uso histórico en común “non hai problema en clasificalo como en man común, é máis, das 663.000 hectáreas clasificadas agora mesmo, hai trinta anos eran todas dos concellos”

“Hai casos onde as comunidades de veciños teñen trabas por parte das administracións para recuperar os montes, por tanto non se recuperaron todos” di Diego Sánchez. As trabas parten de intereses económicos. “Nun inicio os concellos non querían ter a titularidade destes montes comunais mais logo cambiaron de actitude e cando pasaron a titularidade municipal entenderon que eran propiedade súa, cando é privada-comunal”. O interese dos concellos está na explotación dos terreos para parques eólicos, minaría e outras actividades que deixen diñeiro nas arcas locais.

Sánchez engade que na Lei de Acompañamento dos Orzamentos de Galicia para 2021, fíxose unha modificación na Lei de Montes en Man Común de Galicia do 1989. “Aqueles montes que perdan a comunidade xestora poden volver a titularidade municipal baixo xestión cautelar”. Así habería concellos que non permitirían un retorno de montes á veciñanza e outros estarían interesados en volver quedar coa comunidade. Con todo, se se demostra que houbo uso comunal, o Xurado Provincial de Montes debera clasificar de novo como man común.

OUTRA XOGADA?

A lei estatal de 2003 estaría por encima das dúas leis autonómicas, a de 1989 e a de 2012. Non obstante, as leis de acompañamento dos orzamentos de Galicia estarían buscando vías que permitisen a entrada de intereses público-privados nas terras comunais. “Non se está traspasando a propiedade aos concellos senón que pon eses montes baixo unha administración “cautelar” dos municipios, ou tamén abren a posibilidade de metelas en bancos de terras, e todo isto por un período de 50 anos”.

Para que suceda o anterior deben ter “desaparecido” as comunidades veciñais. O efecto a medio-longo prazo é facer perder a memoria sobre a posesión comunal das terras por parte de veciños e veciñas. Así, aos poucos, mediante un proceso pouco democrático e sen pasar por órganos consultivos, as leis de acompañamento, vaise minando a referida memoria.

Aínda máis, coa preponderancia do dereito romano sobre o xermánico, a propiedade público-privada iría abrindo camiño ao uso do monte para aproveitamento privado. Todo o dito até o de agora debera pasar polo Consello Forestal, teoricamente unha figura consultiva que, polo de agora, só pedíu documentos e posicións aos seus membros (sindicatos, comuneiros, Medio Rural, agricultores) para unha “revisión do marco normativo para os montes veciñais en man común”. O Consello Forestal para avaliar esta última proposta non se convocou até o momento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta