Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2022 | Actualizada ás 18:50
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu este martes ao embaixador de Eslovenia en España, Robert Krmelj, con quen fixo votos polo fortalecemento das relacións entre os dous países no marco da Unión Europea da que forman parte.
Diso informou a Cámara galega nun comunicado, no que lembra que o Reino de España recoñeceu á República de Eslovenia o 15 de xaneiro de 1992. Tras iso, o 25 de marzo de 1992, hai 30 anos, os dous países estableceron relacións diplomáticas.
Nun escenario internacional convulso, Santalices apostou, na entrevista co embaixador esloveno, polo reforzo do proxecto europeo a partir de valores universais como a promoción dos dereitos humanos, o respecto á diversidade e o estado democrático de dereito.
VISITA DE PARLAMENTARIOS A SOGAMA
Por outra banda, representantes dos grupos parlamentarios do PP e do PSOE integrados na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, visitaron este martes as instalacións de Sogama en Cerceda para coñecer o seu funcionamento.
Nun comunicado remitido aos medios, Sogama explica que á visita, liderada pola presidenta da Comisión, Carmen Pomar, e conformada por máis dunha decena de representantes na Cámara galega, non acudiu o BNG, que declinou a invitación trasladada.
No encontro, o presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, explicou o nacemento e a evolución desta empresa pública ata día de hoxe, tanto desde a dimensión industrial como económica, ambiental e social. Ademais, tamén estivo presente a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Sagrario Pérez Castellanos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.