Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2022 | Actualizada ás 19:34
O conselleiro de Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou este mércores na conferencia sectorial de educación, na que reclamou ao ministerio que compense ás comunidades polo incremento global dos prezos, que no caso de Galicia ascende a 23 millóns de euros en materia educativa. En concreto, explicou, a situación está a afectar, a través da alza dos prezos do gasóleo, á subministración da calefacción e ao transporte escolar. Así mesmo, inflúe no servizo de comedor e nas obras de mellora e construción dos centros educativos.
Estes sobrecustos están a redundar nunha "presión adicional" sobre os provedores e as empresas que prestan estes servizos. Tal e como manifestou o conselleiro, "non se pode paralizar a actividade dos centros nin os servizos complementarios, pero tendo en conta que Galicia ten a rede de transporte máis grande de todo o Estado, porque é unha ferramenta fundamental para o acceso á educación, esta situación provoca un sobrecusto".
Lembrou, así mesmo, que máis de 78.000 alumnos galegos empregaron a diario o comedor escolar, "un servizo imprescindible" no rural e de importancia "capital" para a conciliación, polo que "é necesario ofrecer solucións ás empresas que o prestan". "En definitiva, é necesario que o Goberno central achegue fondos ás administracións autonómicas para facer fronte a esta situación", apuntou. En todo caso, remarcou que a Xunta vai blindar "o servizo educativo", pero o Ministerio "debe asumir a súa parte de responsabilidade".
PLAN ESCOLARIZACIÓN CRIANZAS UCRAÍNAS
O representante da Xunta tamén volveu solicitar un plan integral de acollida e escolarización de menores ucraínos, "a pesar de que Galicia está a aplicar un propio" cos 149 nenos que están escolarizados nos seus centros. Neste sentido, tamén sinalou que está a supor "máis gastos" para as comunidades, que "tampouco se están vendo compensados" polo ministerio.
Román Rodríguez destacou que os centros galegos xa dispoñen dunha guía de plan de acollida para facilitar unha adaptación "o máis efectiva posible" do alumnado desprazado.
O Goberno galego puxo a disposición dos centros un espazo web específico sobre Ucraína con recursos e materiais didácticos encamiñados a favorecer o proceso de integración nas aulas, como unha guía de conversación galego-castelán-ucraíno cos seus respectivos pictogramas, unha guía de expresións máis habituais e recompilacións de material de utilidade.
Tamén hai un apartado específico sobre equipamento TIC, de maneira que todo o alumnado ucraíno vai dispor dun computador con conexión á rede. Todos os equipos que se repartan estarán configurados para os idiomas galego, castelán e ucraíno, e os teclados estarán identificados con adhesivos específicos para a escritura en ucraíno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.