Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2022 | Actualizada ás 16:34
Zona Franca de Vigo analizará a proposta da marca de ciclomotores eléctricos Velca para instalarse na localidade pontevedresa de Caldas de Reis, así como as posibles vías de colaboración que pode ofrecer o consorcio e o seu brazo de capital risco Vigo Activo. Así o transmitiu o delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, ao cofundador e conselleiro delegado de Velca, o galego Emilio Froján, con quen se reuniu este martes acompañado polo alcalde, Juan Manuel Rey.
"En Zona Franca estamos comprometidos cos emprendedores, porque vai no ADN do Consorcio", indicou Regades, asegurando que estudará con Velca as posibilidades e as ferramentas que se poden ofrecer, unha vez se teña sobre a mesa o plan de negocio da compañía. Pola súa banda, o rexedor de Caldas de Reis mostrou o seu "orgullo" de que un mozo do municipio sexa "un referente". "Isto é froito de Caldas e demostra que calquera mozo pode aspirar ao máximo", engadiu.
Velca é a marca española "líder" en número de matriculacións de ciclomotores eléctricos e está en plena expansión internacional. Acaba de desembarcar en Portugal e encara a recta final para operar noutros mercados europeos.
En 2021, relocalizou en España a produción dun dos seus modelos, en concreto en Madrid. O seu conselleiro delegado, o caldense Emilio Froján, busca que parte da produción se faga en Galicia, en Caldas. Del foi a idea de crear a marca, que xurdiu cando traballaba en Alemaña nunha startup de patinetes eléctricos compartidos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.