Por X.M. Fernández | Allariz | 07/04/2022 | Actualizada ás 09:00
O Concello de Allariz segue reforzando o seu compromiso co medio ambiente e a sustentabilidade, neste caso implementando melloras que teñen que ver coa reciclaxe tras incorporar unha máquina 'reciclos' de Ecoembes. Deste xeito, calquera persoa de Allariz poderá seguir reciclando fóra dos seus fogares as latas e botellas de plástico de bebidas que consuman, facilitando a circularidade destes residuos, é dicir, que volvan converterse en novos envases ou produtos tras a súa reciclaxe.
Ao facer uso desta máquina, situada na recepción da Piscina Municipal de Allariz, no Campo de Vilanova, os usuarios recibirán puntos cos que poden axudar a mellorar a súa contorna a través de incentivos sostibles ou sociais.
Ademais, “Reciclos” quere contribuír a fomentar un consumo responsable e racional deste tipo de envases. Por este motivo, establece un límite semanal ás latas e botellas de plástico de bebidas polos que os cidadáns obteñen puntos ao reciclar.
Para facer uso das máquinas a veciñanza cómpre rexistrarse na webapp de reciclos e depositar todas as súas latas e botellas de plástico de bebidas na máquina de “Reciclos” e escanear o QR que hai na mesma. Ao facelo, obterán puntos, denominados “Reciclos”, que poderán cambiar polas distintas recompensas dispoñibles.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.