Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2022 | Actualizada ás 22:00
Dous anos e tres meses despois do comezo da pandemia de COVID-19, case o 94% da poboación galega está xa vacinada contra o virus. A efectividade desta inmunización preventiva, unido a unha variante Ómicron que provoca unha enfermidade, na meirande parte dos casos, máis leve, coloca Galicia nunha situación ben diferente á vivida tan só hai uns meses. Agora, con todas as restricións levantadas e ás portas da retirada da obrigatoriedade das máscaras na maior parte dos espazos interiores, GC fala co epidemiólogo e profesor emérito de Medicina Preventiva na USC, Juan Gestal, para radiografar a actual situación e divisar o que pode depararnos un futuro non tan afastado.
Pódese dicir que a pandemia da COVID-19 rematou?
A pandemia non rematou pero si o fixo a súa fase máis intensa, coa situación nos hospitais controlada, o que permitiu pasar á fase de mitigación, tamén denominada de gripalización, na que nos encontramos.
As máscaras deixarán de ser obrigatorias en interiores o próximo 20 de abril. Como valora vostede esta medida neste momento?
Paréceme unha medida acertada e nada precipitada, pois xa se adoptou na maioría dos países do noso entorno con situacións epidemiolóxicas menos favorables que a nosa, e ademais adoptouse con moita prudencia, xa que se agarda a que pase a Semana Santa, e mantense nos hospitais, residencias de maiores e no transporte público.
Máis alá destes espazos nos que é obrigatoria, en que situacións recomenda vostede ser máis cauteloso coa súa retirada?
A norma deixa ao criterio dos servizos de prevención de riscos laborais das empresas a decisión sobre o seu uso ou non nos lugares de traballo. Tamén debe usarse cando un sexa positivo.
Como deberan proceder as persoas máis vulnerables ante este novo escenario onde as máscaras terán moito menos protagonismo e, ademais, os casos leves e sen síntomas non fan corentenas?
As persoas vulnerables deben ser cautelosas, procurar sempre protexerse e utilizar a máscara nas situacións nas que poidan percibir que puidera haber algún risco, como nas aglomeracións. As persoas que traballan con persoas vulnerables, como é o caso dos
traballadores das residencias de maiores, teñen tamén a obriga de utilizala; e tamén deben utilizala, no seu entorno, os que convivan con persoas moi vulnerables.
Moitas persoas, sobre todo adolescentes ou preadolescentes, senten vergoña ou incluso lles produce ansiedade e inseguridade a retirada das máscaras. Contábase con esta problemática?
Sen dúbida, durante un tempo, algunhas persoas seguirán utilizando a máscara. É algo normal, posto que dá seguridade, pero será algo pasaxeiro e, pouco a pouco, estas persoas tamén a irán deixando.
Podemos agardar no futuro novas ondas, mesmo de novas variantes, que poñan en risco esta normalidade ou é máis probable que os seus efectos sexan reducidos?
O SARS-CoV-2, como virus RNA que é, comete erros cada vez que se multiplica e de aí xorden as variantes, e mentres siga circulando existirá a posibilidade de que poidan aparecer novas variantes. A elevada transmisibilidade e benignidade da variante ómicron fainos pensar que puido ter xa acadado a súa máxima eficacia biolóxica, sendo difícil, pero non imposible, que poida aparecer unha nova variante aínda mais transmisible e con maior escape inmune.
Por outra parte, as elevadas taxas de inmunidade da poboación, por terse vacinado ou sufrido a infección, dificultarán a difusión do virus. Todo isto pode facer que esta sexta onda sexa a derradeira da pandemia, pero aínda que é difícil, non é imposible que apareza unha variante máis transmisible e con maior escape inmune que a ómicron. Precisamente neste
momento a OMS está chamando a atención sobre unha posible nova variante denominada XE, detectada a mediados do pasado mes de xaneiro no Reino Unido, resultante da recombinación das liñaxes BA.1 e BA.2 da variante ómicron; que ao parecer ten unha taxa de crecemento un 10% maior ca variante ómicron, pero non amosa unha maior gravidade. A OMS aínda non lle deu unha denominación propia, polo que se seguen contando os casos dentro da ómicron.
Ata que remate definitivamente a pandemia teremos enriba de nós a ameaza de que poida aparecer unha nova variante que nos faga volver para atrás.
Sobre a vacinación, que debemos agardar a longo prazo? Serán necesarias novas doses cada certo tempo - polo menos a persoas vulnerables - ou a inmunidade mantense no tempo?
É posible que sexa necesaria una nova dose de vacina no próximo outono para protexernos ante a eventualidade dun incremento da transmisión do virus no outono-inverno, aínda que non ten amosado un carácter estacional. Con todo, non será unha vacinación colectiva senón dos colectivos máis vulnerables. Sería desexable poder contar con vacinas preparadas fronte ás actuais variantes, e idealmente, aínda que para esas datas non parece posible, cunha vacina esterilizante.
A posibilidade de que apareza un novo virus que provoque outra pandemia existe sempre. Estamos agora, logo da COVID-19, mellor preparados no caso de que isto aconteza?
Non, aínda non. Ao longo da pandemia detectáronse moitas deficiencias no noso Sistema Nacional de Saúde, na atención socio-sanitaria e no sistema de residencias, así como na autosuficiencia como país para situacións de crises. Deficiencias que aínda non se corrixiron, e nas que debe traballarse canto antes para estar en mellores condicións fronte a novas pandemias que sen dúbida apareceran no futuro, aínda que non sabemos cando.
A nivel de sanidade pública, que deberamos ter aprendido e non estamos implementando?
Ten que mellorarse a Saúde Pública, en especial o sistema de Vixilancia Epidemiolóxica, o que pretende lograrse coa creación do Centro Nacional de Saúde Pública. Debe achegarse a Saúde Pública ás áreas de saúde e conectala coa Atención Primaria, e debe incrementarse o seu presuposto, así como mellorar a dotación de recursos humanos dos hospitais e Atención Primaria e resolver todas as deficiencias da Atención Primaria diagnosticadas e acordadas xa en 2019.
O cambio climático colócanos nunha situación de maior vulnerabilidade respecto de novas pandemias?
Si. Hoxe unha das principais ameazas presentes son as arboviroses (dengue, zica, chikungunya, encefalites, ...) e a reintrodución da malaria, favorecidos polo desenvolvemento dos vectores debido ao incremento da temperatura que implica o cambio climático.
Levabamos anos escoitando que algún virus podería provocar unha pandemia coma esta, mais agora fálase tamén da aparición de superbacterias. É unha nova fronte a ter en conta? Que perigos suporían?
As resistencias antibióticas, polo mal uso que se está a facer dos antibióticos, é unha ameaza real, sobre a que se vén chamando a atención insistentemente nestes últimos anos, que pode levarnos á aparición e difusión de superbacterias resistentes a todos os antibióticos de que dispoñemos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.