Denuncian que a Xunta fai "oposición activa" ao dereito á eutanasia

DMD Galicia denuncia que a Consellería de Sanidade entorpece os trámites administrativos para solicitar este dereito.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/04/2022 | Actualizada ás 10:45

Comparte esta noticia

A entidade DMD Galicia  denuncia que a Consellería de Sanidade dificulta e non pon os medios necesarios para facer efectivo o dereito á prestación sanitaria de morte asistida medicamente, conforme ao previsto na Lei Orgánica de regulación da Eutanasia (LORE).

Ramón Sampedro, o primeiro caso de eutanasia televisado
Ramón Sampedro, o primeiro caso de eutanasia televisado | Fonte: X.M. Albán

Nun comunicado, critica o retraso na creación da Comisión de Garantía e Avaliación, a carencia de iniciativas da Consellería para a formación de profesionais e administradores sanitarios sobre o contido da Lei e os procedementos a aplicar para facela efectiva. Tamén chama a atención sobre a ausencia de actuacións de sensibilización e información á sociedade sobre o novo dereito e o Testamento Vital, e mesmo o impreso que no SERGAS se ofrecía ás persoas para rexistrar o seu Testamento Vital.

"Cualificamos estes comportamentos como entorpecedores do exercicio dun dereito fundamental", apunta e lembra que, en datas recentes, despois de denuncias públicas e iniciativas parlamentarias, a Consellería de Sanidade modificou o impreso para o rexistro do Testamento Vital.

"É así que no documento actualmente vixente, xa modificado despois da denuncia de DMDG, suprimíronse as referencias ás normas legais que sustentan o Testamento Vital, e introduciuse a posibilidade de elección de eutanasia, pero dando a entender que a morte asistida medicamente podería proporcionarse á persoa contra a súa vontade se esta non deixara dito explicitamente que non quere a eutanasia", engade.

A Lei sinala que as persoas só poderán acceder á eutanasia previa solicitude realizada en plenas condicións de capacidade, dispoñendo da información necesaria, e sen coacción algunha. Esa solicitude poderá facerse anticipadamente mediante a súa constancia expresa no Testamento Vital.

Por iso, DMD Galicia recomenda que se rexistre a solicitude de eutanasia no Testamento Vital por quen non querendo continuar a súa vida nas condicións de enfermidade ou estado crónico e incurable causante de sufrimento intolerable, poida perder de forma irreversible a súa capacidade legal para adoptar esta decisión como consecuencia de enfermidade ou accidente.

"Desde hai anos vimos denunciando que no Rexistro de Instrucións Previas da Consellería  de Sanidade (espazo administrativo onde se rexistran os testamentos vitais)  faise oposición activa ao dereito das persoas a exercer libremente a súa vontade en relación aos tratamentos médicos", insiste. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta