Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2022 | Actualizada ás 19:56
A Gala de Premios Culturais, promovida pola Deputación da Coruña, celebrouse este sábado no coruñés Teatro Colón tras dous anos de parón polas restricións derivadas da pandemia de coronavirus. O evento agrupou ás persoas premiadas das dúas últimas edicións, facendo entrega de, en total, 31 galardóns, representados mediante esculturas creadas por Soledad Penalta.
A este acto asistiu o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, acompañado polo deputado de Cultura, Xurxo Couto. Ambos interviñeron para resaltar a "importancia estratéxica da industrial cultural galega", que o presidente cualifica como un "sector fundamental para o desenvolvemento social e económico de Galicia e para a proxección exterior do país".
Ademais, Formoso sinalou que, en Galicia, máis de 30.000 dependen deste sector e que no total do PIB galego representa ao redor do 2%. O deputado de Cultura resaltou o "apoio" da Deputación á creación artística que leva a cabo mediante premios en diferentes disciplinas, e defendeu que se trata de "unha liña de traballo estable e sólida".
Pola súa banda, Formoso manifestou que a Deputación da Coruña cren "que a cultura en Galicia conta cun enorme potencial aínda por desenvolver", e que por iso tratan de "apoiar aos nosos creadores e creadoras premiando o seu talento con galardóns como estes, facendo a cultura accesible para todas as persoas".
XURADO E ASISTENTES
A Gala estivo presentada polas actrices Carmen Méndez e Lida Veiga. Así mesmo, contou coa actuación do contador Celso F. Sanmartín e da formación musical Son Trío, composta polas músicas Garrido Pombo (voz), Katerina Linke (piano) e Susana Branco (cello).
Por outra banda, ademais da presenza no acto do presidente da Deputación e do deputado de Cultura, durante o evento tamén interviñeron: a xornalista María Obelleiro, en calidade de xurado do premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade; o fotógrafo Xurxo Lobato, en calidade de comisario do Premio Luís Ksado de creación fotográfica; a xornalista Susana Pedreira, como comisaria do Premio Torrente Ballester de narrativa; e a xornalista Teresa Cuíñas como xurado do Premio Fran Pérez 'Narf' para artistas musicais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.