Ponte Caldelas rebélase contra o trasvase do seu río para abastecer a Vigo

Unha gran mobilización veciñal rexeita a construción dun encoro no río Oitavén e o desenvolvemento dun trasvase no Verdugo para abastecer Vigo. Denuncian que o concello sofre habitualmente secas no verán e censuran a "barbaridade ambiental" planificada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2022 | Actualizada ás 20:39

Comparte esta noticia

Máis de medio milleiro de persoas concentráronse este sábado en Ponte Caldelas contra a proposta de crear un encoro no río Oitavén e un trasvase desde o río Verdugo "para fornecer unha maior cantidade de auga ao concello de Vigo e a súa zona de influencia". A mobilización iniciouse ás 11,30 horas coa concentración de máis de 150 vehículos nas proximidades do Centro Sociocultural de Forzáns. Así, veciños de alí, de Gaxate, Caritel, Berducido e Vilán protagonizaron unha pitada coas bucinas dos seus coches no traxecto ata Ponte Caldelas.

"A idea que queriamos conseguir con esta fila de coches era mostrarlle á xente o enorme muro de formigón de 333 metros que suporá a construción do encoro en Forzáns no medio dun auténtico paraíso natural cheo de carballeiras, especies autóctonas, flora e fauna endémica que desaparecía por completo de prosperar esta proposta", explican os convocantes.

A continuación, os veciños concentráronse nas proximidades da ponte vella de Ponte Caldelas, o que derivou nunha manifestación espontánea polo centro da vila para finalizar coa lectura dun comunicado a cargo da presidenta da Asociación de Veciños de Forzáns, Pilar Fernández Álvarez, que sinalou que esta é a primeira mobilización de protesta, "pero non vai ser a única".

CHAMAMENTO DO ALCALDE

Por outra banda, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, informou de que solicitará por carta aos 11 concellos que "beben" do Encoro de Eiras que digan 'NON' ás propostas que se contemplan no 'Estudo para paliar a seca do concello de Vigo e a súa área metropolitana' e que "afectan de maneira directa a Ponte Caldelas, concello que cada verán presenta importantes problemas de secas nas traídas veciñais que xestionan comunidades de usuarios e ás que o Concello debe dar solución, polo que esvital protexer o río Verdugo".

Nun comunicado municipal, o alcalde cualificou de "barbaridade ambiental" que suporía a construción dun encoro en Forzáns. Ademais, o municipio convocou para o domingo 8 de maio, ás 12 da mañá, unha manifestación diante da Casa do Concello e con percorrido polas rúas de Ponte Caldelas para mostrar o rexeitamento de todo o pobo "ás barbaridades ambientais" que propoñen no estudo.

O motivo de que sexa o 8 de maio, explican, é para "darlle á Xunta de Galicia unha marxe de tempo para que nos reciba e explique as decisións que van tomar sobre estas propostas que se expoñen e que afectan moi directamente a Ponte Caldelas". "Como por parte do Concello non se obtivo ningunha resposta á petición de reunión formuladas polo alcalde á directora de Augas de Galicia e ao futuro presidente da Xunta", o alcalde de Ponte Caldelas animou á veciñanza "a participar de maneramasiva na manifestación".

ARGUMENTACIÓNS DO CONCELLO DE VIGO

Por contra, o concello de Vigo quixo especificar que a proposta non sae do municipio, senón que se trata dunha das alternativas expostas por un estudo técnico que a Confederacion Hidrografica remitiu ao Concello e á Xunta hai uns días. En 2018 a Xunta, o Concello de Vigo e o Ministerio para a Transición Ecolóxica acordaron buscar solucións para garantir o abastecemento de auga no sur da provincia de Pontevedra, explican. Nese contexto, asinouse un convenio entre as tres administracións polo cal Xunta e Concello asumiron pagar o estudo e o Goberno de España a licitación do mesmo.

Río Verdugo ao seu paso por Ponte Caldelas
Río Verdugo ao seu paso por Ponte Caldelas | Fonte: Gabriel González en Wikipedia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xoseg