Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/05/2022 | Actualizada ás 12:35
A valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, advertiu de que é "imperiosa" a reforma da lei de violencia de xénero estatal para "ampliar o concepto de violencia de xénero" e, así, adaptala ao Convenio de Istambul.
"É imperiosa a necesidade de ampliar o concepto de violencia de xénero manexado na lexislación española para adaptalo ás esixencias do Convenio de Istambul", manifestou, en resposta a unha entrevista de Europa Press, na que foi preguntada polo caso en proceso xudicial do atropelo mortal a unha moza en Barro.
Fernández Galiño non quixo valorar o caso concreto, posto que está pendente de xuízo. "Pero habería que reflexionar que pasaría se o fose e non se puidese considerar violencia de xénero porque a nosa lexislación non está correctamente axustada ao Convenio de Istambul", apuntou, en referencia a un documento subscrito por España e que inclúe outras formas de violencia machista máis aló da relación de parella ou ex parella.
Neste sentido, e tendo en conta a prohibición de retroactividade do artigo 9.3 da Constitución, a valedora sostén que "estaría ben contemplar a retroactividade neste caso para adaptar a lexislación neste sentido". "Aínda que non lles devolva a vida a quen xa a perderon, axudaría a reparar a situación doutras vítimas", apostilou.
"DEBEN DE ESTAR CONSTANTEMENTE ACTUALIZADAS"
"As leis de violencia de xénero, así como as de igualdade, deben de estar constantemente actualizadas para que as novas manifestacións de violencia e desigualdade sexan consideradas adecuadamente pola lei coa finalidade de previlas e, no seu caso, sancionalas sen espazos de impunidade", afirmou a valedora do Pobo.
Ao seu xuízo, a lei española de violencia de xénero, do ano 2004, ten "un pecado orixinal", porque nela só se regula a relación de parella ou ex parella. "Tivo un aspecto positivo, de concentrar os esforzos na manifestación máis preocupante naquel momento polo elevado número de vítimas e polo defectuoso tratamento legal, pero ao mesmo tempo propiciou o esquecemento das demais manifestacións de violencia de xénero", advertiu.
Neste sentido, a defensoría galega advirte de que esta "carencia" se viu "máis visible" desde o Convenio de Istambul (2011), que recolle un concepto máis amplo de violencia de xénero que o manexado na lei en vigor. Fronte a iso, a lei galega de violencia de xénero (2007) na súa redacción orixinaria xa manexaba un concepto máis amplo e recentemente incluíron a ciberviolencia ou a trata.
Sobre a situación futura, a valedora recoñece que os dereitos humanos "se atopan en permanente risco de retroceso e iso é particularmente certo nos dereitos das mulleres". Neste sentido, avisou de que a pandemia "puxo en risco moitos dos logros alcanzados polas políticas de igualdade en determinados sectores profesionais moi feminizados", como a sanidade, o sociosanitario ou a asistencia no fogar.
Paralelamente, no ámbito da violencia, "dificultáronse as denuncias por violencia doméstica" e "incrementouse" o ciberacoso.
"O QUE NON TEN NOME, NON EXISTE"
Dolores Fernández Galiño reflexiona acerca de que a violencia de xénero nas relacións de parella "existe desde sempre na Historia da Humanidade", pero ata os anos 80 "parecía que non". "O feminismo púxolle nome e motivou a actuación dos poderes públicos e a concienciación da sociedade. E é que o que non se nomea, é coma se non existise", observou.
Ao fío diso, puxo de manifesto que "algo similar" pasa agora con algunhas manifestacións de violencia de xénero sen relación previa. "Existiron desde sempre, pero agora visibilízanse, premisa necesaria para loitar contra elas", apostilou.
Neste sentido, e posto que a "preocupación xa está na sociedade, que ve como as mulleres sofren violencia polo feito de ser mulleres", a Valedora do Pobo "recollendo ese temor e preocupación" iniciou unha investigación de oficio, e ámbito estatal, que se remitiu, por tanto, ao Defensor do Pobo. Nela reclamouse, en síntese, a necesidade de "visualizar e atender" outras formas de violencia contra as mulleres, prestando especial atención á violencia sexual, á mutilación xenital feminina e aos matrimonios forzados.
"UNHA ANOMALÍA"
"Van cumprirse xa seis anos sen que o propio lexislador articule unha normativa positiva que recolla moitas das indicacións da declaración programática, e oito anos desde que se asumiron os ditados do Convenio de Istambul, resultando de especial relevancia o que se refire á conceptualización legal da violencia de xénero que aínda está cinguida ao ámbito do matrimonio ou relación de significación análoga", expuxo.
Fernández Galiño advertiu de que se trata dunha "anomalía", non só co convenio subscrito, senón tamén "co que a xeneralidade da sociedade sente e entende como violencia de xénero". "O convenio define como tal, acertadamente, toda violencia contra unha muller porque é unha muller, ou que afecte as mulleres de forma desproporcionada, con independencia de quen resulte ser autor do feito", explica.
Desta forma, engade, supostos como casos de acoso prolongado no tempo "terían a valoración que merecen, ofrecendo ás mulleres que o sofren, ou ás outras vítimas relacionadas, a protección e asistencia especializada" prevista na lei de 2004. E reciprocamente, o autor dos eventuais feitos, "tería que cumprir coas condicións establecidas na lexislación" para poder gozar de calquera beneficio na forma de execución da pena.
SOBRE TRATA DE MULLERES
En canto á trata de mulleres e sobre a existencia de prostíbulos, a valedora do Pobo constatou que España "é un dos países do mundo en que se detecta máis trata de mulleres e maior consumo de prostitución". De feito, avisa de que algúns informes de organismos internacionais sitúana só por detrás de Tailandia e Brasil.
Preguntada pola xestación subrogada, encima da mesa por mor da guerra en Ucraína, Fernández Galiño observou que se trata dunha cuestión "con moitas arestas". Fixándose en concreto no mencionado país, "onde está moi implantado o negocio construído ao redor da xestación subrogada", conveu que "se puxo encima da mesa o problema do nacemento de moitos nenos e nenas nunha situación de guerra".
"Novamente demóstrase como unha crise humanitaria pon en risco os dereitos humanos, neste caso, das criaturas afectadas e das nais xestantes, que son os suxeitos máis débiles nesta situación", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.