Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2022 | Actualizada ás 14:23
Foi sobre as táboas nas que levan traballando xuntos 15 anos. Este xoves, a compañía Voadora aproveitou a estrea do seu novo espectáculo, 'Hoax Hamlet', para anunciar a súa retirada dos escenarios. Esta performance en vivo formaba parte da programación do festival Escenas do Cambio, que acolle estes días a Cidade da Cultura, unha cita marcada pola vangarda, a experimentación e o teatro contemporáneo.
Por iso, foi o escenario elixido para que os integrantes de Voadora compartisen, no medio da representación, que este sería o seu último espectáculo conxunto tras 15 anos de exitosa traxectoria. Hugo Torres, director de Hoax Hamlet, firma tamén, xunto a Fernando Espelde e Diego Anido, a dramaturxia da obra. Sobre o texto de Espelde e a escenografía de Marta Pazos, Torres dirixiu unha montaxe coral no que participaron como intérpretes as propios Torres, Epelde e Anido, ademais do equipo completo da compañía.
Deste xeito, Hoax Hamlet pecha o círculo aberto hai 15 anos co primeiro espectáculo da compañía, Periferia, no que os intérpretes eran os propios membros do equipo. O público terá aínda ocasión de ver a Voadora en xira cunha das súas últimas creacións, 'Othello', que visitará nas próximas semanas o 39º Heidelberg Stückemarkt Festival en Alemaña (8 de maio), o Teatro Nacional São João de Porto (21 e 22 de maio), o Pazo da Cultura de Narón (28 de maio) e o Teatro Principal de Ourense (9 de xuño).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.