Investidura: Formoso critica a "autocompracencia" de Rueda: "Vive no seu mundo particular"

Reduce as súas medidas a "bonificacións en albergues" para mozos. O secretario xeral dos socialistas censura tamén o silencio sobre as mortes en residencias: "só falou dos proxectos de Amancio Ortega, non de prazas públicas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2022 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, criticou o discurso "autocomplaciente", "falto de ilusión" e sen "mensaxe de futuro para Galicia" do candidato á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda.

"Parécenos doutra época", sostivo o líder dos socialistas galegos tras a intervención de Rueda, a quen afeou que as súas medidas para a mocidade se reduzan a ofrecer "bonificacións en albergues" e "12.000 prazas en campamentos". "A mocidade ao que aspira é a que nesta casa --en referencia ao Parlamento de Galicia-- falara das súas oportunidades de futuro, do modelo económico da Galicia do futuro", sostivo.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e o portavoz do Grupo Socialista, Luís Álvarez; durante unha rolda de prensa na Cámara galega. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e o portavoz do Grupo Socialista, Luís Álvarez; durante unha rolda de prensa na Cámara galega. PSDEG

Ademais criticou que non falara nada de ciencia, de investigación, de renovar o sistema educativo ou de mellorar o sistema de asistencia social e sanitaria. "Vive no seu mundo particular", criticou.  Ademais, deixou claro que o PSdeG non só acode a "sinalar os problemas", senón que volveu a ofrecer a Rueda chegar a acordos en economía, política social e atención primaria. 

Nesta liña, referiuse tamén aos anuncios feitos por Rueda en materia educativa. Así, destacou que o PSdeG apoiará as medidas anunciadas fronte ao acoso escolar, pero censurou que non se falase de "remodelar" o sistema educativo ou de como "recuperar" as prazas de profesorado "desaparecidas".

RESIDENCIAS

En materia de política social, afeou que, tras as "imaxes dramáticas" que se viron nas residencias de maiores durante a pandemia, Alfonso Rueda só se referira a os centros que construirá a Fundación Amancio Ortega nas cidades galegas, sen facer "nin unha soa referencia" á creación de prazas públicas.

"Vive no seu mundo particular cando asegura que as enquisas din que a poboación galega está encantada coa Atención Primaria", afirmou Formoso, que censurou que esta rama da sanidade estea reducida a unha "simple liña de atención telefónica", na que os galegos teñen que esperar ata 14 días para poder ter unha cita presencial co seu médico de cabeceira. "Nunca tal mal estivo o sistema de atención primaria en Galicia", apuntou.

Tras formular estas críticas, Formoso deixou claro que o PSdeG non só acode a "sinalar os problemas", senón que volveu a ofrecer a Rueda chegar a acordos en económica, política social e atención primaria tal e como o líder socialista avanzou na súa intervención ante o Comité Nacional do PSdeG o pasado sábado.

Xunto a Formoso, que non é deputado na Cámara galega, compareceu o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, quen cualificou de "previsible" o discurso de Rueda". "Responde a un proxecto esgotado", sinalou. Luís Álvarez sostivo que se trata dunha "repetición dun discurso de investidura" polo que a Cámara galega xa pasou "hai dous anos", en referencia ao de Alberto Núñez Feijóo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta