Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/05/2022 | Actualizada ás 22:00
“Aínda que o cambio climático desafiará a capacidade dos océanos para satisfacer as crecentes demandas de alimentos, os océanos poderían producir máis alimentos que os que producen actualmente mediante accións rápidas e ambiciosas para reducir as emisión de gases de efecto invernadoiro, reformar a pesca de captura e ampliar as operacións de maricultura sostible”. Estas son as recomendación que fai un equipo de investigadores e investigadoras de institucións científicas de Estados Unidos, Australia, Xapón, Islandia, Filipinas, Reino Unido e Galicia.
O escenario é preocupante. A sobreexplotación dos mares para satisfacer a cada vez maior demanda de alimentos no mundo e os impactos do cambio climático nos ecosistemas mariños están poñendo ao límite os océanos. Nese contexto, a maricultura (acuicultura oceánica ou mariña) preséntase como unha alternativa viable para compensar as perdas e “a súa expansión podería ser un paso vital para alimentar os miles de millóns de persoas adicionais que se agarda que habiten o mundo a finais de século”, defenden estes científicos.
As reformas pesqueiras e a redución de emisións de gases serán insuficientes para manter a produción per cápita de peixe e marisco no mundo ante o aumento da poboación
“Nunca antes se vira a nivel global a relación entre pesca e acuicultura baixo o cambio climático, no senso de que a produción pesqueira e a maricultura poidan compensarse ou planificarse a nivel de países baixo diferentes escenarios futuros”, destacou Elena Ojea, membro deste grupo de traballo internacional e investigadora do Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo.
O equipo científico advirte de que o futuro dos produtos do mar depende das respostas humanas ao cambio climático, ao tempo que alerta de que as reformas pesqueiras, aínda que necesarias, serán insuficientes para manter a produción per cápita de peixe e marisco no mundo.
Para Christopher Free, profesor de Ciencias Mariñas na Universidade de California e autor principal do estudo no que participou Elena Ojea, “ademais de corrixir a sobrepesca e apoiar as innovacións na maricultura, é esencial reducir drasticamente as emisións de gases de efecto invernadoiro para reducir as desigualdades e aumentar a pesca e a eficacia da maricultura”, explicou mediante un comunicado.
Pola súa banda, Reniel Cabral, profesor tamén de Ciencias Mariñas na Universidade de California, e coautor tamén do estudo, avisou de que a capacidade dos océanos para fornecer alimentos no futuro verase desafiada polo aumento na demanda de produtos do mar. "Espérase que a poboación humana aumente en tres mil millóns para fins de século, cun aumento da demanda de carne. O cambio climático desafiará aínda máis a capacidade do océano para proporcionar alimentos", dixo Cabral.
Os expertos defenden que a maricultura sostible ten un gran potencial para manter e mesmo aumentar a produción pesqueira no planeta
Na opinión destes científicos e científicas, a maricultura sostible ten un gran potencial para manter e mesmo aumentar a produción pesqueira, aínda que insisten en que para iso son necesarias reformas pesqueiras, máis avances nas tecnoloxías de produción de pensos e o establecemento dunha maricultura eficaz, acompañados da redución drástica das emisión de gases. Como explican, o cambio climático impacta negativamente, pero non é o único factor limitante para a expansión sostible da maricultura.
Aínda que estivésemos nun escenario de descenso de emisión de gases, necesitaríanse “importantes reformas na pesca, como acordos internacionais e un manexo adaptativo”, sinalou a investigadora galega. E aínda que se realice unha reforma integral da pesca, que consideran necesaria, existen localizacións nas que isto non será suficiente e o impacto negativo do cambio climático non se poderá compensar con adaptacións. “Neses casos, vemos que unha expansión sostible da maricultura pode chegar a compensar as perdas por pesca. Por iso facemos a recomendación da posibilidade de investir en acuicultura mariña sostible”, expuxo Ojea.
O certo é que a medida que o cambio climático empeore, esas reformas necesarias serán cada vez máis difíciles de implementar, avisan.
O equipo científico sinala as rexións tropicais con baixos ingresos como as máis prexudicadas, e nas que se poderían exacerbar aínda máis os problemas económicos existentes. Porque, aínda que recoñecen que se mellorou a xestión en máis da metade das zonas de pesca mundiais, lembran que eses avances se desenvolveron principalmente nos países con maiores ingresos, polo que piden que as reformas se apliquen tamén nas rexións con menos recursos económicos, contribuíndo así aos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible da ONU.
Segundo Cabral, as zonas de pesca dos países tropicais veranse “afectadas negativamente dun xeito desproporcionado” polo quecemento e a acidificación dos océanos. Por iso, considera necesario apoiar a maricultura nestes países, especialmente.
O Centro Tecnolóxico do Mar de Galicia vén de rematar un proxecto de desenvolvemento da maricultura en Perú
Galicia ten contribuido ao desenvolvemento da maricultura en países en desenvolvemento. Por exemplo, o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) ven de concluír tres anos de traballos no proxecto Acuipesca Perú, para potenciar a maricultura na Baía de Sechura. Os expertos galegos viñeron asesorando neste país en como aumentar a produción de vieira e novos produtos con valor engadido, ou en fortalecer as relacións entre as administracións públicas e os axentes do sector pesqueiro e acuícola, e en favorecer a diversificación e novos emprendementos neste ámbito.
Entre outros resultados, o proxecto posibilitou a edición de dúas guías para axudar os maricultores no cultivo de macroalgas.
HAI CAPACIDADE PARA AUMENTAR A PRODUCIÓN MARIÑA
O estudo debe ser considerado, segundo os seus autores, como unha demostración de que é necesario mitigar o cambio climático para favorecer a produción de alimentos no mar, onde a maricultura pode ser unha actividade clave. Para estes científicos, as ameazas ambientais potenciais da maricultura poden minimizarse mediante unha planificación e localización adecuadas. "O pequeno requisito de espazo para a maricultura (menos do 1% da área oceánica global) deixa un amplo espazo para unha planificación coidadosa para minimizar os impactos ambientais e os conflitos con outros usos do océano", defenden.
Aplicando prácticas sustentables, a produción de alimentos do mar podería incrementar os datos actuais entre un 36% e un 74% no ano 2050
Previamente, en 2020, este equipo científico cuantificou a cantidade de alimentos que poderían producir mares e océanos de forma sustentable no ano 2050. Partindo da análise de múltiples factores biolóxicos, ecolóxicos e económicos, os expertos e expertas sinalaron que ese ano, o 2050, a produción de alimentos do mar, englobando pesca, acuicultura e marisqueo, podería incrementar entre un 36% e un 74% os 59 millóns de toneladas de alimentos que se xeran na actualidade.
Aquel traballo, como informou a Universidade de Vigo, estivo baseado no Blue Paper encargado a un equipo multidisciplinar de expertos internacionais polo Grupo de Alto Nivel para unha Economía Oceánica Sostible (Panel dos Océanos), promovido por Nacións Unidas. Presentado en novembro de 2019 na Organización Mundial da Alimentación (FAO) en Roma, o informe foi realizado por un equipo de investigadores e investigadoras dos eidos da economía, bioloxía, ecoloxía, nutrición, pesca e acuicultura, entre os que figuraba tamén a galega Elena Ojea.
Para os autores, aquela primeira achega era necesaria para dar maior visibilidade a “un debate sobre como alimentar no futuro unha poboación mundial en aumento e que ten recursos limitados”. Nese senso, ese estudo xa puxo de relevo o “importante rol” que os océanos poden xogar para dar resposta, dun xeito sostible, ao aumento da demanda alimentaria mediante un “incremento substancial” da produción para o que, como anticipaban e agora corroboraron, “se precisa unha mellora na xestión da pesca, cambios nos regulamentos e innovacións tecnolóxicas”, incluido o desenvolvemento da maricultura, como defenden no seu último traballo.
Tendo en conta múltiples factores, “desde as limitacións biolóxicas e ecolóxicas vinculadas ás poboacións de peixes mariños, a súa distribución e crecemento, como a dispoñibilidade de áreas e recursos para expandir a acuicultura sostible”, como o equilibrio entre oferta e demanda, o estudo de 2020 presentou unha serie de “rangos de crecemento que teñen en conta diferentes escenarios”, explicou Ojea a través da UVigo.
Os alimentos do mar representan na actualidade o 17% da produción de carne comestible no mundo, porcentaxe que podería aumentar até o 25% no ano 2050
Con esas limitacións ecolóxicas, económicas e tecnolóxicas, preséntanse unha serie de “curvas de provisión sostibles” que sitúan entre un 36% e un 74% o potencial de incremento da produción con respecto aos 59 millóns de toneladas xerados actualmente por estes tres sectores produtivos, afirman.
Ese potencial de crecemento depende de tres factores, sinalan: por un lado, unha reforma na xestión da pesca e acuicultura cara formas máis sostibles a longo prazo; por outro, que a demanda global se axuste a esta produción, e, por último o que consideran “o máis complicado”, que limitacións actuais como os ratios de alimento na acuicultura melloren grazas a avances tecnolóxicos. Pero se ben o crecemento dun 36% sería posible xa coas tecnoloxías actuais “mellorando a xestión”, sinalaron que o maior dos incrementos previstos “depende en gran medida de melloras tecnolóxicas que están por facerse”.
Os datos que manexan apuntan que os alimentos xerados no mar, procedentes nun 80% da pesca, representan na actualidade o 17% da produción de carne comestible no mundo, porcentaxe que podería chegar a situarse no 25% no ano 2050 mediante un incremento substancial da produción.
Aquel estudo concluíu, de feito, que a produción podería aumentar tanto na pesca e no marisqueo como na acuicultura mariña, sendo esta última a que experimentaría un maior crecemento, pero para o que serán precisas “prácticas de xestión e políticas que permitan unha expansión ambientalmente sustentable”.
“Galicia é un dos lugares que pode ter maior potencial para mellorar a súa produción pesqueira e acuícola de forma sustentable”
Estes científicos ven tamén clave o aumento da produción de alimentos mariños para tentar rebaixar a de carne de animais terrestres, xa que a expansión da produción de explotación gandeiras podería agravar os problemas derivados do cambio climático, á vez que provocar a perda de biodiversidade, advirten. Ademais, sitúan os alimentos procedentes do mar como claves para contribuír “de maneira excepcional á seguridade alimentaria e nutricional global”, xa que tamén son unha fonte de proteínas e de ácidos graxos esenciais "que non son doados de atopar noutros alimentos".
Nese posible escenario, Galicia, segundo Ojea, é “un dos lugares que pode ter maior potencial para mellorar a súa produción pesqueira e acuícola de forma sostible”.
As augas galegas súmanse aos 72 millóns de quilómetros cadrados de océano que se calcula que son ambientalmente adecuados para cultivar unha ou máis especies mariñas, dos que aproximadamente o 92% desa superficie (66.000.000 km2) é ambientalmente apta para o cultivo de peixe, o 43% (31.000.000 km2) para moluscos e o 54% (39.000.000 km2) para crustáceos.
Con estas achegas, os científicos e as científicas sitúan o pesqueiro como un sector capital para alimentar a poboación mundial no futuro, e no que a maricultura debería ser decisiva.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.