Por Europa Press / Redacción | VIGO | 25/05/2022 | Actualizada ás 14:06
A Organización de Produtores de Pesca do Porto e a ría de Marín, Opromar, presentou este mércores na feira Navalia a iniciativa ENERCOM, un proxecto de estudo sobre o impacto da frota no cambio climático e sobre medidas para reducir esa pegada de carbono e aumentar a súa eficiencia enerxética.
Trátase dun proxecto desenvolvido en colaboración co centro tecnolóxico AZTI para o que Opromar achega a súa frota. O estudo ten como finalidade achegar solucións na procura desa eficiencia, reducir as emisións e controlar o ciclo de combustibles e axustar o consumo, para o que se testarán novas ferramentas de software.
A gran maioría dos sistemas de propulsión dos barcos e de xeración de enerxía están compostos por motores diésel, e estímase que esta actividade consome 60 millóns de barrís de cru ao ano, o que se traduce en case 3 millóns de toneladas anuais de óxido de nigróxeno, 11,3 millóns de toneladas de óxido de sodio e 1,4 millóns de toneladas anuais de partículas emitidas á atmosfera.
En Europa, as frotas gastan unha media de 0,67 litros de combustible por cada quilo de peixe que se captura e, durante o ano 2021, o incremento de prezo dese combustible levou a alzas de custo de ata o 300 %. Tendo en conta que esta factura pode representar máis do 40 % da conta de explotación dun buque, é vital o investimento en novas tecnoloxías para aumentar a eficiencia enerxética.
O proxecto ENERCOM, subvencionado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, próbase en tres buques piloto e ten unha duración de 19 meses (comezou en decembro pasado). A partir de xuño de 2023 se auditarán os datos solicitados e difundiranse para todo o sector.
O secretario de Opromar, Francisco Teijeira, sinalou que se instalarán sensores e dispositivos para, entre outros aspectos, coñecer a localización dos barcos, testar a súa eficiencia enerxética, e regular os consumos de combustible. Os sensores estarán instalados nun barco de palangre, un arrastreiro e un barco de cerco, xa que cada tipo de frota ten consumos diferentes.
PROXECTO DIGIPRO
Por outra banda, outra das organizacións do sector, Orpagu, que representa a uns 80 buques palangreiros da Guarda e Portugal, presentou este mércores a súa iniciativa DIGIPRO, que entra agora na súa segunda fase, e que persegue a mellora das condicións de traballo e seguridade a bordo, a través da dixitalización de sistemas de comunicación.
Así, segundo explicou Juana Parada, directora-xerente de Orpagu, xa se instalaron sistemas de internet de banda ancha en 9 buques, cos seus respectivos equipos, e nesta segunda fase habilitarase o centro de operacións en terra, onde se recibirán en tempo real todos os datos do buque relativos a localización, temperatura, proceso de conxelación, consumo de combustible, etc.
A finalidade deste proxecto é poder coñecer de inmediato calquera fallo no funcionamento dos barcos, creando unha canle de comunicación en tempo real entre os buques e terra. Na fase final do proxecto crearase un cadro de mandos compartido entre o patrón e o persoal de terra de Orpagu, que aumentará a seguridade tanto para a tripulación como os produtos que se manexan a bordo.
Grazas á banda ancha, a organización pode facer un seguimento dos seus barcos en todos os caladoiros do mundo, e tamén pode detectar calquera incidencia. Ademais, esa conexión de alta calidade mellorou tamén as condicións de vida a bordo, xa que os mariñeiros poden ter mellor comunicación coas súas familias, gozar de películas ou eventos deportivos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.