Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2022 | Actualizada ás 17:17
Coincidindo co día no que se cumpren 131 anos do traslado dos restos de Rosalía de Castro ao Panteón de Galegos Ilustres, na compostelá igrexa de San Domingos de Bonaval, a Fundación Rosalía de Castro reclamou o "acceso público en condicións dignas ao mausoleo".
Igual que hai un ano, a Fundación fixo un chamamento ás institucións implicadas "a terminar co deixamento e co baleiro normativo no que se atopa", así como a "poñer en valor coa dignidade que merece un monumento que é un símbolo da identidade galega e que acolle tamén os restos doutros protagonistas da historia de Galicia", como Daniel Rodríguez Castelao, Domingo Fontán, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas ou Francisco Asorei.
En concreto, reclaman "o desbloqueo da Proposta de Lei do Panteón de Galicia" que, por iniciativa do Museo do Poblo Galego, presentou o Consello da Cultura Galega en 2011 e "que foi acordada con outras institucións culturais como a Real Academia Galega, a Fundación Alfredo Brañas e a Fundación Castelao, ademais do propio Museo e a Fundación Rosalía".
Os restos mortais de Rosalía de Castro foron trasladados o 25 de maio de 1891 desde o cemiterio de Adina, en iria Flavia, ata a igrexa de San Domingos de Bonaval para enterralos no mausoleo creado ad hoc polo escultor Jesús Landeira.
Todos estes feitos históricos, aos que se lles sumou o traslado dos restos de Castelao no ano 1984, converteron este Panteón nun símbolo e nunha referencia indubidable que fai dificilmente explicable a situación de deixamento na que se atopa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.