Por Galicia Confidencial | Allariz | 06/06/2022 | Actualizada ás 11:41
O obxectivo desta campaña, "Dálle un gústame a un Allariz limpo", é lembrar as obrigas que recolle a ordenanza de limpeza viaria e serve de reforzo a unha anterior que tiña como lema "Un Allariz máis limpo é cousa de todas”.
Esta acción, presentada por Bernardo Varela e María López, chega aproveitando a celebración do Día Mundial do Medio Ambiente --5 de xuño--, e incide en 4 actitudes que se repiten nos últimos tempos e que preocupan aos responsables municipais: os excrementos de mascotas, as cabichas, recollida de máscaras e pintadas.
Dende o Concello de Allariz insisten en que "debemos darnos conta da importancia na que cada un de nós podemos contribuír ao coidado e limpeza de Allariz con pequenos xestos que non custan, como recoller os excrementos das nosas mascotas ou tirar unha cabicha ao lixo. A todos e todas gústanos saír a pasear e atopar un Allariz amable, limpo e coidado. Para logralo, non é suficiente co esforzo dos equipos de limpeza municipais, temos que sentir Allariz coma noso e coidalo, cada cidadán/a na medida das nosas posibilidades".
A campaña comezará difundíndose dende as redes sociais municipais e continuará nos centros de ensino coa colocación de varios carteis coa imaxe da campaña e co reparto de adhesivos a nenos/as e adolescentes incidindo no lema "Dálle un gústame a un Allariz limpo".
Como complemento a esta acción comunicativa de concienciación cidadá colocáronse 50 cinseiros para cabichas en distintos puntos de Allariz e nas últimas semanas estase procedendo a eliminación de pintadas, sobre todo en mobiliario urbano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.