Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2022 | Actualizada ás 20:00
O público infantil e xuvenil é tamén un público obxectivo para a Semana do Libro de Compostela (SELIC), de maneira que a mocidade, como cada ano, xogará un papel destacado nas actividades de promoción e difusión do libro. A conxugación entre música e literatura, selo desta sexta edición do Festival de Lectura que se desenvolve na cidade compostelá do 10 ao 19 de xuño, trae ata a cidade obradoiros, xogos e concertos.
O sábado 11 de xuño, a Fundación Granell acolle a primeira das súas actividades ás 12:30 horas. Trátase do contacontos para crianzas Unha viaxe á selva, realizado por Árbore Azul arredor de Selva, de Marina Gibert, obra gañadora da XIV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Para esta actividade, dirixida só a crianzas, sen presenza de adultos, é preciso inscribirse a través do correo seliccompostela@gmail.com.
Pola tarde, ás 18 horas e tamén con inscrición previa, chegará a quenda para o autor R. J. Peralta e a ilustradora Blanca Millán, que na actividade “Cantos e contos” realizarán un percorrido polos álbums que realizaron conxuntamente nos últimos anos: Acouga, Babau; Bos días, avoa; ¡A la cama, Martín!.
O domingo 12 de xuño, a actividade volve ao lucernario da Fundación Granell coa editora Patas de Peixe, que tamén cantará e contará a historia 'Queda sitio na vasoira?', unha obra de Julia Donaldson e Alex Scheffler que traduciron ao galego Laura Sáez, Mónica Pazos e Saleta Fernández. Trátase dunha historia de bruxas á que a Selic convida a toda a cativada de entre 5 e 9 anos a participar cos seus mellores disfraces nun aquelarre infantil. E no mesmo lugar, ás 17 horas comezan os obradoiros de banda deseñada impartidos por Alfonso Barreiro ‘Fon’ para nenas e nenos de entre 8 e 16 anos.
Na seguinte fin de semana da Selic, o sábado 18 de xuño ás 12:30 horas, o Toural acollerá o conto e concerto arredor de Little neno descobre os Beatles, un evento que vai contar coa participación do actor Jaime Pantoja, a cantante Carla Álvarez e o guitarrista David Vázquez. E para completar o espectáculo e facelo accesible a todas as participantes, a intérprete de lingua de signos Tareixa Martínez acompañará coas súas señas o conto e tamén o concerto.
Xa na tarde do sábado 18, ás 18:30 horas Little Neno e Jaime Pantoja volven ser os protagonistas das actividades do Toural, desta volta compañados por Daniel Llabres e o editor da tradución galega da serie, Fran Villasenín. Entre os tres presentaranlle ao público a colección Little Neno, con especial protagonismo do álbum Little Neno descobre os Kinks, que coma no caso dos Beatles tamén se acompañará de xogos musicais para o público asistente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.