Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/06/2022 | Actualizada ás 18:26
Un milleiro de intérpretes e artistas de música e baile tradicional galego participan este fin de semana na Cidade da Cultura na terceira edición do Encontro Galego de Cultura Popular 'Serán03' que, nesta ocasión, virará ao redor da pandeireta.
Trátase do maior evento organizado ao redor deste elemento esencial da música galega, que protagoniza tres días de actividades gratuítas nos que haberá concertos, espectáculos, festivais, masterclass, unha feira sectorial, conferencias, un desfile de traxe tradicional e un foliadón, así como actividades para nenos.
O director artístico do evento, Henrique Peón, destacou que a pandeireta é, xunto coa gaita, "un dos instrumentos incónicos do folclore galego" e, ademais, conta cunha importante representación feminina, co que este evento busca ser "unha homenaxe a todas as mulleres que gardaron a tradición galega con este humilde instrumento ao longo dos séculos".
'Serán03' prevé un intenso programa coa participación dun milleiro de artistas e intérpretes, tanto afeccionados como profesionais, que inclúen nomes como Faltriqueira, Davide Salvado, Fransy González ou Óscar Ibáñez, así como grupos folclóricos da talla de Donaire, Rebulir, Trébede, Ultreia, Etnográfico das Mariñas, Xacarandaina, Cantigas e Agarimos ou Alxibeira.
Ao tradicionais 'festival folclórico' e 'foliadón', que encherán de música o Gaiás as noites do venres 10 e o sábado 11, súmase este ano o festival 'Portas do Camiño', que reunirá cinco grupos de pandeiretas de lugares unidos polo Camiño de Santiago: Asturias, León, Bierzo, Portugal e Salamanca.
Ademais, haberá contidos formativos dirixidos a profesionais, con oito masterclass de percusión, pandeireta e técnica vocal, unha mesa redonda e dúas conferencias a cargo da etnomusicóloga Beatriz Busto e do presidente da delegación española do Consello Internacional de Organización de Festivais de Folclore, Rafael Cantero.
Tampouco faltará programación familiar, cun taller de estampado sobre tea e un concerto de Cé Orquestra Pantasma. Un desfile de traxe tradicional e un concerto cos coros centenarios de Cantigas e Agarimos e Cántigas dá Terra serán os pratos fortes da última xornada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.