Non é a miña intención entrar nese mundo que tanto xogo dá en programas de televisión de éxito. Gustaríame, en troques, expresar un sincero interese por figuras que afectaron a miña vida, por cariño ou por fascinación, e que agora están en certo modo desaparecidas do mapa. Cadaquén terá a súa lista e de seguido poño a miña.
1. O MAGO ANTÓN. Lembro cando este gran mago desapareceu diante dos nosos ollos na rianxeira praza de Castelao. Que pasou con el?
2. PACO FEIXÓ. Estando tan de moda os cociñeiros amadores e profesionais, onde está o simpático Paco Feixó? Sería un pracer velo nun especial traballando co británico Jamie Oliver.
3. PAULINO TOURIÑO. Este Touriño era un locutor de radio que animou moito as tardes dun verán nos anos oitenta. Coido que era de Vigo e nunca vin o seu aspecto, como adoita pasar coa xente que traballa na radio. Tamén lembro moito a un locutor da Radio Galega cunha voz moi seria e culta que poñía cancións excelentes e facía comentarios dun entusiasmo contido que emocionaban.
4. LUPE GÓMEZ. A doce poeta creadora dun dos meus libros galegos favoritos, o Fisteus era un mundo que publicou A Nosa Terra, parece estar algo lonxe do mundanal ruído nos últimos anos. Candorosa e transgresora a un tempo, Lupe, unha das persoas que máis me lembra a Rosalía - tamén o fan María Pilar García Negro e Nieves, nai dos escritores Manuel e Eusebio Lorenzo Baleirón, entre outras mozas e mulleres galegas - mantivo unha breve correspondencia comigo na cal as súas cartas semellaban poemas.
5. MANUEL RIOBÓ GONZÁLEZ. Como temía alá no fondo do ser que pasaría, chego ó facer este artigo á noticia de que xa non está entre nós o profesor máis orixinal que tiven na carreira na Universidade de Santiago de Compostela. O aspecto de home do campo traxeado que tiña o profesor de Filosofía Manuel Riobó, experto de prestixio na figura de Fichte, provocaba as bromas de parte do alumnado. Non esquecerei o seu sorriso saudando na rúa. Que a súa sabedoría nos ilumine dalgunha maneira.
6. ALFREDO BARREIRO SEIXAS. O cantante do grupo de Noia 7LVVAS, Fredi e experto a nivel mundial en Bob Dylan, con quen comparte varias características. Dá a sensación de que hai dentro del un gran disco, e tamén hipotéticas colaboracións para unha revista cultural galega de calidade de moita repercusión que sería moi positivo que existira.
7. LUÍSA CASTRO. A escritora de Foz entrou na miña vida cos seus arrebatadores primeiros planos no programa da TVG chamado “A trabe de ouro”. O brillo de intelixencia na súa mirada e nas súas palabras deberon romper máis dun corazón, entre eles o meu. Despois de varios poemarios, novelas e un libro de memorias, que é dela? Veremos axiña algunha obra nova da súa autoría?
8. MARTÍN VEIGA. Que sucede se un brillantísimo poeta decide polos motivos que sexan deixar a nosa terra e irse, por exemplo, a traballar na universidade da cidade de Cork en Irlanda? Queda xa esquecido, como se houbera as distancias dun século pasado? Desaparece da vida cultural galega por estar a unhas horas en avión ou a segundos de distancia en internet? Este poeta de Noia debería ser unha forza moi viva na nosa cultura.
9. ROSALÍA DANS. Esta actriz, pintora e poeta coruñesa con ese rostro tan galego era a sensual Rosario na serie “Los gozos y las sombras” sobre a novela de Torrente Ballester. Participou noutras series e algunhas películas ata o ano 1990. E despois que? Que foi dela?
10. XOSÉ CHAO REGO. Un caso moi triste. O famoso teólogo, tío de Manu Chao, é vítima dunha grave enfermidade que o deixou afastado para sempre da vida pública. Compañeiro e amigo no instituto Rosalía de Castro, regaloume o manuscrito dunha obra súa. Máis que preguntar onde está, quería facer constar aquí a súa ausencia.
Como dicía, cada un terá a súa lista de persoas sobre as cales se proxecta unha sombra de dúbidas. Que pasou con estas persoas? Que motivos levaron ao seu exilio da presenza nos medios? Por suposto, noutros campos – en especial no que tanto admiro da investigación médica e científica – haberá moitos máis exemplos, e tamén na emigración. Poden Galicia e a cultura galega prescindir da xente valiosa apartada ou esquecida?
Non sei se é un caso de celos ou envexa, pero vendo que algunhas figuras son omnipresentes nos medios de comunicación e reciben premio tras premio, sería moi perverso pensar – dado que ás veces son de signo ideolóxico oposto aos poderes de cada momento – que algúns premios poden ser formas de quitar forza a figuras emerxentes, de as transformar en creadores brandos ou autoindulxentes?
Quero pensar que non, que realmente hai xustiza en xeral e non intereses creados, favores a amigos e corrupción encuberta. Por desgraza, si que existirán casos problemáticos, pero entre todos deberemos velar pola verdade e honrar a quen o mereza mentres siga viva ou vivo e tamén despois.