Por Galicia Confidencial | Allariz | 12/06/2022 | Actualizada ás 20:00
Este ano realizaranse doce saídas do boi durante os nove días da festa, anunciando cada saída con 6 bombas de palenque e unha soa avisará da súa fin. A primeira tivo lugar onte sábado ás 20.30 h. e a expectación foi máxima, cun ambiente espectacular que se alongou pola noite coa música das Charangas "Los Fugitivos" e "Festicultores Troupe".
Dende a Asociación Cultural Xan de Arzúa lembran da importancia de seguir os consellos escritos no programa, así como nas entradas das rúas do casco histórico por onde se desenvolven as saídas. O máis importante destas recomendacións é que non se lles pode tocar aos bois, só poderán facelo as persoas ao seu coidado --Homes do Sedeño e da Aguillada--; cómpre manter a precaución con eles, aínda sabendo que son animais nobres; os portais deben deixarse abertos para o percorrido dos animais e debe evitarse pasear con cativos/as durante as carreiras.
Ademais destas senlleiras saídas do boi e das recreacións históricas que teñen lugar cada ano para manter viva na memoria a tradición, a troula non pode faltar. Con iso, a música terá unha importante presenza contando con grupos de gaiteiros, charangas e orquestras que amenizarán a vila do Arnoia durante toda a semana.
A programación completa está na páxina web da festa que organiza a Asociación Cultural Xan de Arzúa, lugar onde tamén se poden coñecer as orixes desta fermosa tradición.
ACTIVIDADES DIVULGATIVAS NOS CENTROS DE ENSINO
A semana previa ao comezo oficial da 'Festa do Boi' tiveron lugar unhas actividades que a Asociación Cultural Xan de Arzúa, en colaboración da concellería de Cultura do Concello de Allariz, realizaron no CEIP Padre Feijóo de Allariz.
Na mañá do luns e do xoves, os rapaces e rapazas de 1º, 2º, 3º e 4º de primaria, asistiron a un roteiro teatralizado sobre a Festa do Boi no que participaron voluntarias/os da Asociación e do departamento de Cultura así como da Asociación Silvardeiras de Allariz.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.