GC Aberto

Carta ao gobernador do Banco de España

Por admin | GC ABERTO | 25/06/2022

Comparte esta noticia

CARTA A PABLO HERNANDEZ DE COS, Gobernador do Banco de España e membro do Consello de Goberno e do Consello Xeral do BCE.

Protesta de pensionistas e xubilados convocada pola CIG contra os 'abusos' das entidades bancarias.. CIG VIGO
Protesta de pensionistas e xubilados convocada pola CIG contra os 'abusos' das entidades bancarias.. CIG VIGO

Señor Gobernador do Banco de España, acusamos recibo de seu reenvío do Banco Central Europeo a modo de recomendacións. Nada novo: un apoio explícito aos Fondos de Pensións privados co impulso definitivo desta Lei de Plans de Pensións Emprego; unha estafa que perverte o Sistema universal e solidario para convertelo nun sistema individualista de capitalización, á medida dos intereses dos poderes financeiros da UE. Tampouco é novidosa a recomendación de que as pensións e os salarios do persoal das administracións públicas, deben participar no pato de rendas. Chegou incluso a recomendar o incumprimento da Lei por parte do Goberno respecto da aplicación do IPC falseado. Que diría vostede se chega a ser o real!

A nosa indignación nace seguramente de que non somos capaces de comprender que vostede está defendendo os nosos intereses. Como non ía vostede defendelos se lle estamos pagando un salario que máis que duplica o do Presidente do Goberno.

Pensabamos nós, tamaña ignorancia, que se as 35 empresas do IBES tiveron uns beneficios de case 58.000 millóns de Euros en 2021, (eléctricas, banca, construción e demais triplicaron e cuadriplicaron os seus beneficios respecto do 2019), con diminuír algo eses beneficios e equilibrar o sistema impositivo para que paguen impostos coma o resto da cidadanía, teriamos para manter e mellorar os Servizos Públicos, incluído o Sistema Público de Pensións. A nosa desmesurada ambición non nos deixaba ver que esas empresas necesitan ese capital para pagar a servidume da xustiza, da mediática e da política. En definitiva, para manter este exemplar sistema democrático.

Mire que básicos son os nosos coñecementos de economía, que consideramos que o custo de aplicar unha suba do IPC real ás pensións e aos salarios en xeral, ten unha incidencia relativamente pequena, comparada coa que teñen os desmesurados beneficios e tan mesurados impostos das empresas do IBES. Iso si, non nos fai falta saber máis de economía para prever que eses beneficios non entrarán no Pacto de Rendas.

Só cos máis de 60.000 millóns de Euros que se calcula da corrupción e dos 191.000 millóns da economía que se move fóra do sistema, poderiamos financiar o custo total das pensións e sobraríannos 100.000. Mais, como poderían comprar servidumes se non houbese corrupción? Que sabemos nós do que custa manter este sistema tan democrático!

Somos uns idealistas perigosos que, cada vez que vemos, oímos ou lemos as mensaxes que xente coma vostede lanzan para poñer á servidume mediática a traballar, éntranos unha xenreira que... Día grazas vostede a que somos pacifistas convencidos.

Señor Gobernador, nós, as persoas pensionistas que “nadamos na abundancia” non comprendemos. A vida e a experiencia púxonos os cabeiros algo retortos. Preguntámonos, como Eduardo Galeano: “¿é lícito confundir a prosperidade dunha clase co benestar dun país?”. E comprobamos a certeza das palabras de Zygmunt Bauman: “Todas as medidas emprendidas en nome do «rescate da economía» convértense, como tocadas por una vara máxica, en medidas que serven para enriquecer aos ricos e empobrecer aos pobres”.

Presentan o sistema como insostible, recomendan medidas para salvalo que teñen o obxectivo de substituílo por plans privados, intentan enfrontar aos pensionistas de hoxe cos do futuro como se as nosas reclamacións fosen insolidarias cando o que defendemos é o Sistema Público; é dicir, as pensións do futuro que son as da mocidade de hoxe. Incluso intentan dividirnos con estratexias de confrontación.

“Mais aínda seguimos aquí, a aturar tempestades de sal” coa nosa SES. Para combater todas as intoxicacións e falsidades: Erguendo a nosa voz grave para dicir que defender un Sistema Público de Pensións é defender as nosas pensións e a das nosas netas e netos, é a loita pola xustiza redistributiva. A defensa dos intereses da cidadanía fronte aos do IBES 35, que son os que defende vostede.

Con todo o noso rexeitamento,

Coordinadora da Plataforma Pensionistas Compostela 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta