Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2022 | Actualizada ás 14:39
O número de dispositivos tecnolóxicos (computadores, tablets, consolas...), o acceso dunha conexión a Internet, as compras en liña, videochamadas ou a mensaxería instantánea incrementaron o seu consumo en Galicia durante 2021, aínda que segue por baixo da media española.
Así o recolle o estudo 'Cultura e tecnoloxías da información e comunicación 2022', do Observatorio da Cultura Galega (OCG). Este traballo indica que un 78,7% dos fogares galegos contan con algún computador (a media do Estado é do 83,7%); un 93,3% dispoñen de conexión a Internet (95,4% no Estado) e un 52,3% da cidadanía galega realizarou algunha compra en liña o pasado ano (o 56,1% en España).
Doutra banda, a través dunha enquisa da Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC), o OCG destacou que o 44,7% de usuarios de Galicia empregan o teléfono móbil como principal dispositivo de acceso á rede. Os seguintes son os computadores de sobremesa (27,2%) e os portátiles (23,4%).
Pola súa banda, o estudo referenciou os problemas máis recorrentes que atopa a poboación de Galicia no espectro tecnolóxico. Entre as deficiencias comúns destaca o exceso de publicidade, a velocidade da rede, e a falta de seguridade, privacidade ou confidencialidade.
CONSUMO AUDIOVISUAL
O visionado de películas e series en 'streaming' resaltou como unha das actividades máis repetidas polas persoas. O método de consumo máis habitual foi a través de plataformas de subscrición --tales como Netflix--, co que contan un 66,7% dos fogares galegos. Tras iso, atópanse distintas canles de contidos gratuítos como Twitch, Youtube ou TikTok. Estas plataformas congregaron a un 27,5% de internautas que consumiron máis dunha hora a visualizar vídeos.
En canto a televisión e radio, estes medios utilízanse polas canles de difusión tradicional, mentres que a lectura de información é consumida preferentemente na rede. Aínda así, o 60% da poboación non prescinde do xornal en papel. Por último, as páxinas web máis visitadas polos internautas de Galicia foron as seguintes: lavozdegalicia.es; xunta.gal; farodevigo.es; meteogalicia.gal, e zara.com.
COMPRAS EN LIÑA
O estudo tamén ofreceu datos sobre as compras en Internet de produtos culturais. A adquisición máis común foron os dispositivos electrónicos, cun 55,7%. Esta cifra supera ao conxunto total de España, que se sitúa nun 47,7%. Posteriormente, as compras relacionadas co lecer, tempo libre e entradas a espectáculos ocuparon o segundo escalafón de produtos máis obtidos mediante a rede.
PREFERENCIA POLO GRATIS
Outra das tendencias que mostra o informe é a preferencia da cidadanía polas actividades gratuítas. Excepto series e películas, a tendencia maioritaria implica o consumo de balde de libros electrónicos, radio ou televisión.
Neste aspecto, destacou o consumo de lectura de noticias de actualidade, os podcast ou a descarga de música gratuíta. Ademais, popularizáronse os QR, tanto para descargar as cartas dos bares como para obter información ampliada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.