Rouban o valado de protección da Mámoa do Rei, en Vilaboa

Na zona xa roubaron "30 castiñeiros recén plantados".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2022 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

O Concello de Vilaboa e a Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa denunciaron o roubo do valado de protección da Mámoa do Rei. Esta infraestrutura fora instalada fai menos dun ano no ámbito dun proxecto de protección, conservación e sinalización dos bens patrimoniais da Chan de Castiñeiras.

Este proxecto, que incluíu tamén a creación e sinalización do Roteiro das Mámoas, e levouno a cabo --con subvención da Deputación de Pontevedra-- a cooperativa Árbore Arqueoloxía e Restauración.

Unha das accións de conservación consistiu na renovación do valado de protección da Mámoa do Rei, que ocupa unha área de 115 metros cadrados e que, recentemente, foi substraído, do mesmo xeito que o panel informativo, o cal tentaron arrincar.

O presidente da comunidade de montes, José Luís López, asegurou que "están sen palabras" e lembra o esforzo económico realizado polos comuneiros para completar o custo do proxecto. Así mesmo, lembrou que non é a primeira vez que ocorren feitos similares, como cando "roubaron a todos os veciños 30 castiñeiros recentemente plantados".

Pola súa banda, o alcalde de Vilaboa, César Poza, referiuse tamén ao esforzo dos comuneiros e do propio Concello para pór en valor o patrimonio histórico e lamenta que haxa xente "que non só menosprece este traballo, senón que atente contra a historia". "É unha falta de decencia e falta de respecto polo noso patrimonio cultural absoluta, un feito realizado totalmente con conciencia e aleivosía", reprobou.

Mámoa do Rei, en Vilaboa
Mámoa do Rei, en Vilaboa | Fonte: terrasdepontevedra.org

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta