Incoan o expediente para declarar BIC do Patrimonio Inmaterial a música e o baile tradicionais de Galicia

A publicación do DOG recolle tamén unha serie de medidas para "salvagardar" este "rico patrimonio inmaterial".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2024 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia incoou o expediente para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) do Patrimonio Inmaterial a música e o baile tradicionais de Galicia. Segundo se recolle na publicación deste luns do Diario Oficial de Galicia (DOG), Galicia posúe un "rico patrimonio inmaterial, herdado e enriquecido xeración tras xeración", que chegou ata os nosos días principalmente por transmisión oral.

"A nosa cultura tradicional ten na música e no baile unha das manifestacións culturais máis significativas. Na tradición cultural galega, o baile precisa da música para expresarse e, ao mesmo timepo, a música ten a súa razón de ser principal en servir de sorporte para a práctica do baile; ambas as manifestacións culturais son inseparables", remarcan. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses, contados a partir da data desta resolución. Transcorrido ese prazo sen que se emitise resolución expresa, producirase a súa caducidade.

Ademais, inscríbese de forma preventiva a música e o baile tradicionais de Galicia como manifestación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia. Ábrese agora un período de información pública polo prazo de tres meses, contando desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para que calquera persoa física ou xurídica poida consultar o expediente e presentar as alegacións e informacións que considere oportunas.

MEDIDAS DE SALVAGARDA

O DOG recolle ademais unha serie de medidas de "salvagarda" destas artes. Así, pide que o sistema universitario galego contribúa ao fomento activo da investigación científica e académica sobre o baile e a música tradicionais galegos. Tamén que os organismos e as administracións públicas poderán asinar convenios con fundacións, asociacións ou padroados de titularidade privada de face a asegurar a preservación, o inventario, a catalogación, a análise, a dixitalización e a difusión dos arquivos que alberguen materiais documentais, sonoros, musicais e/ou audiovisuais.

Como resultado da colaboración anterior, establécese como obxectivo a creación dun arquivo audiovisual público na rede, sustentable no tempo, gratuíto e de libre acceso, que conteña o material documental citado anteriormente, e fomente especialmente entre as novas xeracións o pleno uso deste material patrimonial. Así mesmo, nas axudas e subvencións que as diferentes administracións públicas prestan ás asociacións, valoraranse positivamente aquelas accións concretas que se realicen no campo do ensino e da transmisión de coñecementos relacionados directamente coa música e co baile tradicionais de Galicia.

Tamén se solicita a colaboración dos docentes para elaborar materiais didácticos no ensino formal de cara á adquisición de coñecementos básicos de baile e música tradicionais; da ANPA e outros colectivos no ámbito do ensino non formal; e dos medios de comunicación para que "acheguen informacións contemporáneas", "superando os arcaicos modelos estereotipados da cultura tradicional e a visión fosilizada e folclorista desta". Por último, transcorridos nove anos da declaración deste BIC, elaborarase un estudo de actualización que avalíe o estado do ben de interese cultural e o impacto que sobre o mesmo exerceron tanto os procesos contemporáneos como a aplicación destas medidas de salvagarda.

Agrupación folclórica galega vestida co traxe tradicional galego bailando
Agrupación folclórica galega vestida co traxe tradicional galego bailando | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta