S.X. de Comunicación e Vicepresidencia: así reparten a dedo as axudas ós medios

Galiciaconfidencial detalla como a Secretaría Xeral de Comunicación, controlada polos socialistas, e a Vicepresidencia da Xunta, nas mans dos nacionalistas, reparten a dedo convenios entre os empresarios dos medios. Son 41 subvencións á marxe do DOG, unha parte dos 6,6 millóns entregados polo bipartito ás empresas sen concurso público.

Por Galicia Confidencial | Galicia | 08/10/2007 | Actualizada ás 00:02

Comparte esta noticia

A Secretaría Xeral de Comunicación é a oficina que leva as relacións da Xunta -especificamente do presidente Touriño, de quen depende- cos xornalistas. É un dos departamentos que máis acordos asinou. Suma trinta e tres protocolos por máis dun millón de euros.

Máis de trinta subvencións que o secretario xeral, Fernando Salgado, rubricou nun mesmo día. Á vista dos datos públicos no Rexistro de Convenios, o dous de xaneiro de 2007 houbo ‘café para todos’. A práctica totalidade dos diarios, emisoras e xornais electrónicos recibiron daquela un anaco de pastel. Iso si, os anacos de cadaquén eran diferentes:

O máis beneficiado foi o Grupo Voz, que apañou tres acordos -un para La Voz (150.000€), outro para a filial de internet Canal Voz (50.000€) e outro para Radio Voz (15.000€)- por un total de 215.000 €.

A fachada do Clube de Prensa

O fin destes tres convenios é a "mellora da difusión das actividades do Club Internacional de Prensa (CIP), co fin de facilitar a participación dos profesionais dos medios". Esta mesma motivación, promover os actos da sede na que a Xunta convoca gran parte das súas roldas de prensa, sirve de fachada para gran parte das subvencións sen concurso da S.X. de Comunicación.

O CIP e o "motivo" dos convenios asinados por un grupo de radios que emite os programas da Cadena Ser na Coruña, Vigo, Ourense, Lugo, Pontevedra e Monforte/Villalba. Entre as seis suman 118.000 € de axudas, con cantidades que oscilan entre os 30.000 e os 12.000. Ningunha destas emisoras asociadas a PRISA (nin doutros medios subvencionados por este motivo) conta con xornalistas propios en Compostela; polo que dificilmente poden "facilitar a participación" dos seus asalariados nas citas do Club de Prensa.

Outra boa porción é para Prensa Ibérica, o terceiro grupo que máis cartos en convenios recibe do departamento de F. Salgado. Son 159.000 €, dos que 20.000 € foron subvencións para La Opinión da Coruña e o resto para Faro de Vigo (18.000 e 121.000 €). Na zona media do ‘ranking’ da Secretaría clasifícanse Editorial Compostela, a matriz de El Correo Gallego, (12.000, 23.208 e 59.378) e a Axencia Galega de Noticias, cuns 94.000 €.

Europa Press, o Grupo La Región (9.000 e 35.000 €) e o Grupo El Progreso (Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo (en dúas tandas de 38.000 e 9.000 €) andan polos 69.000 €. Na zona baixa da clasificación, a COPE, Cadena Noroeste (paquetes de 24.000 e 12.000 €) e Editorial Capital, cunhas subvencións directas de entre 50.000 e 35.000 €.

As faragullas máis miúdas quedaron para o xornal conservador ABC, Onda Cero e os diarios electrónicos Xornal.com e Vieiros, que reciben da Secretaría en torno aos 25.000 €.

O reparto de Vicepresidencia

A Vicepresidencia asinou oito protocolos cos medios por un total de 175.000 € . Ningún deles foi co Grupo Voz, malia que este é o grupo que máis cartos autonómicos obtén en convenios da Xunta.

En outubro de 2005 o departamento de Anxo Quintana repartiu unha cantidade similar (entre 15.000 e 25.000 €) a Faro de Vigo, La Opinión, El Correo Gallego, Editorial La Capital, Xornal.com, Diario de Pontevedra e El Progreso. Fóra quedaron dous medios abertamente nacionalistas, Vieiros e A Nosa Terra. O semanario si obtivo unha axuda de 50.000 € este ano "con motivo da conmemoración do centenario".

Os convenios non son todo

En todo caso, estes acordos da S.X. de Comunicación e da Vicepresidencia son unha pequena parte dos cartos públicos repartidos ao homes de negocios da información mediante convenios. E é que o total de axudas a dedo é de máis de 6 millóns de euros.

Para saber todos os cartos que dá a Xunta, aos convenios habería que sumarlles as axudas polo galego, a publicidade institucional e os importantes contratos por "xestionar" delegacións que en realidade son da TVG.

Para non afogar aos lectores cunha montaña de datos, detallamos primeiro as subvencións dos departamentos que dependen directamente de Touriño e Quintana. Quere mostrar así que os dous socios do bipartito, PSdG e BNG, subvencionan xenerosamente aos empresarios da información á marxe no DOG.

En todo caso, para poder interpretar o alcance das subvencións, Galiciaconfidencial recomenda ler a primeira información sobre os convenios.

Tendencias de cada partido

Iso si, analizando as gráficas vese que cada partido tende a dar máis cartos públicos aos medios que lle son máis afíns e a castigar, ou mesmo excluír completamente, aos menos próximos ideoloxicamente.

En próximas entregas Galiciaconfidencial explicará os convenios asinados polo resto de consellerías e departamentos. O confidencial quere tamén agradecer a contribución daqueles lectores que, cos seus comentarios, están a completar o mapa das relacións entre os empresarios e a Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 26 comentarios

16 Denantes morto que escravo

Carallo, págase ben cumprir 100 anos.

15 Jesús

¡Y yo que me creía que la prensa, el 4º poder, estaba para criticar al Poder!
¡¡Que ingenuo!! Hay que ver como se dejan comprar.

14 saharaui

Anxo, na información aclara "estes acordos da S.X. de Comunicación e da Vicepresidencia son unha pequena parte dos cartos públicos repartidos ao homes de negocios da información mediante convenios" e que "en próximas entregas Galiciaconfidencial explicará os convenios asinados polo resto de consellerías e departamentos".

O total dos convenios está en http://galiciaconfidencial.com/?p=2...

Así q menos dicir "meu deus" e máis ler con atención antes de queixarse, non?

13 anxo

¿só vicepresidencia e comunicación paga á prensa e fai convenios con ela?, sigo a decir, deus meu...

12 parrulo

Eu penso que non é imposible que O País non leve nada. Coa crise que hai nos medios escritos pola irrupción dos gratuitos é imposible que PRISA non levase cartos e ademais o xornal do PSdG sae precisamente agora, cando todos pechan; ah, qué casualidade!