Adega denuncia a morte de centos de polos de gaivota "polo desamparo da Xunta" na vaga de calor

A entidade ecoloxista recibiu nos últimos días varias alertas sobre crías de gaivota que caen dos tellados de vilas e cidades galegas por impacto da vaga de calor.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/07/2022 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

Adega denuncia que a Xunta non está a aplicar ningún protocolo de recollida, recepción e solta, nin tampouco está a facer inventario dos polos de gaivota e paxaros extraviados pola onda de calor.

Cría de gaivota recuperada tras caer dun tellado pola vaga de calor
Cría de gaivota recuperada tras caer dun tellado pola vaga de calor | Fonte: ADEGA

Nós últimos tres días a organización ecoloxista recibiu varios avisos de alerta polo abatemento de polos ou crías de gaivota que caen dos tellados e das cobertas dos edificios, logo de saír dos seus niños intentando escapar do intenso calor. Mesmo no día de onte, membros desta organización rescataron un polo de gaivota patiamarela que se precipitou dun tellado da Avenida de Castelao, en Santiago de Compostela, por esta mesma causa.

"Desde ADEGA xa alertamos desta situación á Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galicia para que o antes posible promova medidas de prevención para evitar a perda das poboacións de gaivota en ámbitos urbanos por efectos do calor", indica nun comunicado. Porén, destaca que "o problema é peor do que se pensaba, tras as informacións recibidas por ADEGA nas últimas horas" porque o número de aves abatidas está a ser moi alto, superando o cento diario, e que ademais a Administración non está aplicar ningún tipo de protocolo específico de recollida, recepción e solta.

"Reclamamos á Xunta que poña solución a esta situación caótica e absolutamente lamentable que pon en risco de morte a centos de polos, nomeadamente, das aves que crían nos tellados dos edificios de vilas e cidades e que son especialmente vulnerables diante das vagas de calor", sinala. 

Ao tempo, considera imprescindible que a Xunta, en colaboración cos concellos, ofreza información á cidadanía sobre como actuar e a onde acudir en caso de atoparse con aves ou paxaros extraviados polo impacto do calor. "É lamentable que moitas das persoas que acudiron a ADEGA para advertir destes casos, fixérono tras seren derivadas duns organismos a outros, sen atopar finalmente o servizo de emerxencia encargado de atender este tipo de situacións, ou ben pola desatención recibida nalgúns centros de recuperación de fauna de Galicia, deixazón de funcións que ao noso xuízo debera ser investigado", conclúe.

Segundo un informe da Sociedade Galega de Ornitoloxía, nos últimos 10 anos, a perda de poboación de gaivota patiamarela nas principais colonias de cría foi superior ao 35%, un declive extraordinariamente preocupante que tamén se recolle na última actualización do Libro Vermello de Aves de España (2021), onde se confirma que no Parque Nacional das Illas Atlánticas se pasou de 30.000 parellas en 2006 a só 7.000 en 2020. Segundo Adega, este descenso podería verse agravado polas vagas de calor se non se toman medidas preventivas con urxencia por parte das administracións públicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta