A CIG leva á Catedral de Ourense a súa protesta contra o bispo e o "acoso laboral" no asilo do Carballiño

Falan de "malos tratos" ás traballadoras.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 22/07/2022 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

Varios membros da Unión comarcal da CIG de Ourense accederon a unha das terrazas da Catedral da cidade para despregar unha pancarta na que esixiron o cesamento "do acoso laboral e dos malos tratos" ás traballadoras do asilo do Carballiño. Esta é unha das varias mobilizacións que a central protagonizou nos últimos meses pola situación que aseguran vivir as traballadoras do asilo carballiñés que xestiona a Fundación Hermanos Prieto, cuxo padroado preside o bispo ourensán, Leonardo Lemos.

Protesta da CIG ante a Catedral de Ourense
Protesta da CIG ante a Catedral de Ourense | Fonte: CIG.

A última destas mobilizacións fora hai escasos 10 días nunha ocupación simbólica na sede do Bispado en Ourense, onde reclamaron unha reunión co seu máximo responsable, ademais de pedir que se anunciase nas 48 horas seguintes. Avisaba de que, se non tiñan resposta, procedería a "intensificar as mobilizacións", como así fixeron.

A acción reivindicativa levouse a cabo no exterior da Catedral cun despregamento dunha pancarta nunha das varandas laterais na que se podía ler: 'Asilo do Carballiño, acoso e malos tratos. Leonardo Lemos, bispo, cómplice".

Durante a protesta berraron consignas como "Bispado, os malos tratos son pecado", "Bispado, non mires cara outro lado" e "Bispo, culpable de acoso e malos tratos", consignas que xa pronunciaran na ocupación da infraestrutura relixiosa.

O secretario comarcal da CIG en Ourense, Anxo Pérez Carballo, quixo lembrar que o que pretende o sindicato con estas manifestacións é lograr esa reunión co bispo, na súa función de presidente do padroado da fundación, para "reclamarlle que cese a política represiva e de acoso laboral" que aseguran que "a nova xerencia leva a cabo no centro contra as empregadas máis antigas". Ademais, esixen tamén a readmisión de traballadoras despedidas.

Neste sentido, denuncian que a nova xerencia do asilo "leva a cabo unha política implacable de acoso e represalia", pois afirman que chega mesmo a despedir a varias das traballadoras "por reclamar os seus dereitos"."Acusamos a dirección de menosprecios e coaccións ás empregadas e reclamamos que cesen esta práctica e que non ameacen, coaccionen e despidan polo feito de defender os seus dereitos", remarcaron.

Eran as propias traballadoras hai un par de semanas as que reivindicaban ser tratadas "con respecto" nos postos de traballo. Explicaban que "se está incumprindo o convenio laboral" e que son "seis compañeiras as que se atopan de baixa por incapacidade temporal, con cadros severos de ansiedade polo trato diario".

Así pois, a central sindical responsabiliza a institución relixiosa do que sucede "como máximo responsable do Padroado da Fundación", pero tamén "ao Concello de Carballiño", cuxo alcalde é un do tres representantes do Padroado, "por permitir esta situación e abrir así o camiño ao despedimento de traballadoras con maior antigüidade, contribuíndo a transformar o vello asilo nunha empresa que só busca o beneficio económico".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Buenaventura Dabuten

Onde estaban os compañeiros dese sindicato cando os vellos morrían a esgalla nas residencias galegas pola vaga do Covid?

1 Sentidiño

A traballar pola sanidade pública, non coma outros: https://www.cig.gal/nova/trasladan-...