Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/08/2022 | Actualizada ás 16:19
As estimacións provisionais da Consellería de Medio Rural en relación á superficie afectada polos catro incendios de maior entidade aínda non extinguidos en Galicia mantense sen variacións nas últimas horas e os dous máis grandes --Arbo (Pontevedra), activo, e Castrelo de Miño (Ourense), controlado-- suman 645 hectáreas arrasadas. Ademais, en Arbo segue activada a alerta por proximidade a vivendas.
Segundo informa Medio Rural, no parte de incendios forestais que inclúe datos ata as 19,30 horas deste luns, o incendio rexistrado na parroquia de Mourentán, en Arbo, queimou 400 hectáreas e permanece activo, igual que segue decretada a situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo das Searas.
Para combater este lume traballaron 9 técnicos, 24 axentes, 71 brigadas, 45 motobombas, 5 pas, dúas unidades técnicas de apoio, 12 avións e 10 helicópteros. Tamén se desprazou ata Arbo, para axudar na extinición do lume de Mourentán, que se iniciou ás 3,17 horas da madrugada deste sábado, a Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Baixo control segue o incendio forestal rexistrado na parroquia de Barral, en Castrelo de Miño, tras queimar 200 hectáreas, segundo as medicións provisionais. Na loita contra este lume traballaron 2 técnicos, 42 axentes, 83 brigadas, 54 motobombas, 4 pas, 8 avións e 11 helicópteros. Tamén se mobilizou unha unidade técnica de apoio.
Tamén permanece controlado desde as 1,10 horas deste luns o lume rexistrado na parroquia de Oroso, na Cañiza (Pontevedra), tras queimar unha superficie provisional de 25 hectáreas. Na súa extinción traballaron 1 técnico, 14 axentes, 21 brigadas, 11 motobombas, 2 pas, 9 avións e cinco helicópteros. Xa se desactivou a alerta que se activou pola súa proximidade ao polígono industrial.
Finalmente, ás 13,20 horas quedou controlado o lume forestal de Padróns, en Ponteareas, que arrasou 20 hectáreas. Na súa extinción participaron 11 axentes, 34 brigadas, 14 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.