Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/08/2022 | Actualizada ás 19:01
A Xunta de Galicia estendeu a prealerta por escaseza de auga á conca do río Anllóns, ademais de mantela na do río Lérez. A iso suma agora o seguimento da situación dos encoros de Baiona e Zamanes. A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu este xoves a reunión da Oficina Técnica da Seca, na que tamén participaron Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural.
Alí, acordaron manter a declaración de seca prolongada en toda a Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa e analizouse a evolución da situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas canles da Demarcación, "confirmándose a continuidade da anomalía hidrolóxica que se advirte desde principios de ano".
No que respecta á meteoroloxía, o mes de xullo foi moi seco e as previsións para agosto indican falta de precipitacións. A este respecto, detallan que os caudais circulantes rexistraron en xullo valores inferiores aos habituais para esta época do ano --un 34,4% por baixo-- da media do últimos dez anos.
Apréciase ademais, apuntan, un empeoramento con respecto a mediados de xullo, onde os caudais estaban un 20% por baixo da media histórica. En canto á ocupación actual dos encoros de abastecemento da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, a 1 de agosto era do 82,81%, un 11% inferior á ocupación do mesmo período para o ano 2021. En xeral, os encoros rexistran valores de ocupación inferiores aos niveis medios para esta época.
PREALERTA POR ESCASEZA
Doutra banda, na reunión tamén se tratou a activación da prealerta por escaseza na zona correspondente ao sistema de explotación do río Anllóns e á costa da Coruña ata o límite con Arteixo. Destacan que a iniciativa está motivada polos datos da estación de aforamento do río Anllóns, que mostran un drástico descenso dos caudais no último mes, e polas previsións de falta de choivas a curto-medio prazo.
Sobre o río Lérez, Xunta e concellos acordaron reducir o consumo de auga e afrontar o episodio con información, coordinación e responsabilidade. Segundo relatan, tras un drástico descenso dos caudais nas primeiras semanas de xullo, a conca tende a manterse estable desde a segunda quincena do mes, "pero aínda rexistra un caudal circulante baixo".
Neste contexto, o Goberno galego traballa no estudo de solucións alternativas para realizar achegas de auga ao río Lérez. Entre elas, a análise da auga do oco mineiro de Ventoxo, en Forcarei, para confirmar se cumpre os requisitos de calidade para achegar caudal ao Lérez.
ENCOROS BAIONA E ZAMANES
Por último, e tendo en consideración a situación meteorolóxica rexistrada desde principios de ano, o descenso das reservas de auga rexistrada e o aumento da poboación estival na zona sur da demarcación, realizarase unha valoración particularizada e un seguimento exhaustivo dos encoros de Baiona e Zamanes, que abastecen a Baiona, Nigrán, Gondomar e parte de Vigo.
Para eles propoñen que se empecen a tomar as mesmas medidas que nos concellos que teñen xa activada a prealerta por escaseza, dada a situación dos dous encoros e a alta demanda que estes municipios rexistran no verán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.