Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2022 | Actualizada ás 14:13
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Innovación e Industria, Francisco Conde, demandou este venres ao Goberno central un "cambio de rumbo" respecto á repartición dos fondos europeos e, neste sentido, pediu "coñecer con claridade" cales van ser os investimentos elexibles e os prazos no Perte do naval.
Por iso, insistiu que o Goberno debería "tomar nota" e "establecer un diálogo" coas comunidades autónomas e o tecido produtivo. Así, destacou que Galicia ten "unha oportunidade" cos fondos do sector naval e engadiu que xa contan "cunha estratexia no horizonte 2026" para "aproveitar a diversificación e a innovación".
"Esperemos que o Goberno non caia no mesmo erro do sector da automoción e no agroalimentario", puntualizou. En declaracións aos medios en Carballo, Conde criticou que respecto ao sector da automoción, "a última convocatoria tivo unha adxudicación tan só do 25% dos fondos" polo que "máis de 2.200 millóns de euros quedaron sen executar". "Algo está a fallar desde o punto de vista do deseño destas convocatorias", engadiu.
Nesta mesma liña, insistiu en que os fondos europeos son "unha enorme oportunidade" e demandou máis "cogobernanza". "Seguramente esa sexa a vía que o Goberno debería utilizar para que estes fondos poidan chegar ao tecido produtivo e que as empresas poidan atopar neles unha resposta concreta ás súas iniciativas empresariais", salientou.
MIÑONES: "GALICIA SERÁ PROTAGONISTA"
Ante estas críticas, o delegado do Goberno, José Miñones, mostrouse convencido de que as empresas navais de Galicia serán "protagonistas da próxima convocatoria industrial do Perte do sector naval".
Nunha reunión en Ferrol con representantes de empresas e colectivos de relevancia do sector en Galicia como Navantia, Windar ou Asime, con motivo da presentación do Perte para a industria naval, Miñones detallou que a convocatoria porá a disposición das empresas do sector 200 millóns de euros para "transformar a cadea de valor industrial do sector naval".
Nesta mesma liña, nun acto previo en Culleredo, Miñones instou á Xunta a "sumar" e a non "restar", en resposta ás críticas do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que censurou que a planta de Stellantis de Vigo quede fose do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) do Vehículo Eléctrico e Conectado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.