'Xira exprés' por Galicia do actor e humorista Alberte Montes

Estará do 10 ao 13 de agosto por terras galegas para achegar ao público unha escolma dos seus 'grandes hits monologueiros'.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/08/2022 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

Alberte Montes, actor e humorista galego-catalán, aterra este mércores 10 de agosto en Compostela para realizar unha 'xira exprés' con actuacións programadas en catro localidades galegas, tres delas na provincia de Ourense.

Alberte Montes. Foto: A. M.
Alberte Montes. Foto: A. M.

A primeira delas, o propio 10 de agosto, levarao ao Concello de Merca para sementar de risas o Campo da Festa de Zarracós a iso das 22:00 h. Como curiosidade, comentar que os anfitrións, a Asociación Veciñal de Zarracós, tíñano contratado para agosto de 2020 e por mor da pandemia non puido ser ata este ano cando por fin contarán con el nas xornadas culturais e festivas que organizan.

xoves 11 a intervención de Alberte será en Terras de Trives, concretamente na praza Doutor Paz da Pobra de Trives ás 22:00 h., e o venres 12 tocará cambio de provincia para chegar a Terras do Incio. Neste caso a actuación será na terraza do Hotel Rural Hermida, dentro do seu ciclo 'Solpor Hermida' que fai posible acompañar o goce dos seus fermosos solpores con actuacións en vivo.

Como remate de xira, terá a honra de participar nas 'Noites de Florencio' en Córgomo o sábado 13. Este ciclo organizado polo proxecto valdeorrés 'As letras de Florencio' ten como obxectivo lembrar a figura de Florencio Delgado Gurriarán con diferentes actividades culturais.

ALBERTE MONTES

Como cómico conta preto de 1.000 actuacións en directo e dous monólogos gravados para CENTRAL DE CÓMICOS, programa de Comedy Central. Ten actuado xunto a cómicos coma Ignatius, Toni Moog ou Carlos Blanco. 

Colaborou en programas de humor como BUENAS NOCHES Y BUENAFUENTE ou EN EL AIRE de El Terrat, e outros da TVG, entre os que destacan, LAND ROBER ou LUAR.

Na súa faceta de colaborador e reporteiro participou dos programas LOS LUNES AL GOL e LOS INFILTRADOS ámbolos dous da canle Gol TV. 

Como actor participou recentemente en BIRD BOX, película de Álex e David Pastor. Púidoselle ver tamén noutras como EL OLIVO de Icíar Bollaín ou REC 4 de Jaume Balagueró.

Na Televisión de Galicia protagonizou as series de comedia DO DEREITO E DO REVÉS e AUGASQUENTES. Interveu ademais en VIDA PERFECTA ou MATAR AL PADRE, ámbalas dúas de Movistar+. 

Actualmente forma parte do elenco de EL PUEBLO (Amazon/Telecinco) e foi un dos protagonistas de FARIÑA (Netflix/Antena3). 

É tamén guionista, director e locutor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta