INCENDIOS.- Máis de 40.000 hectáreas queimadas en menos dun mes

O Courel e Valdeorras, os peores lumes na historia de Galicia. Só no que vai de agosto xa arderon 7.000 hectáreas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2022 | Actualizada ás 11:48

Comparte esta noticia

A superficie queimada polo lume en Galicia no que vai de agosto rolda as 7.000 hectáreas queimadas, unha cifra que non deixa de crecer nas últimas horas debido aos diversos incendios forestais que se rexistraron na provincia de Ourense.

Esta cifra súmase ás máis de 34.000 hectáreas que arderon na segunda quincena de xullo, principalmente por mor das treboadas secas do 14 de xullo, cando raios provocaron medio centenar de incendios. Aquí, inclúense os dous maiores lumes na historia de Galicia desde que hai rexistros: O Courel (Lugo) --11.100 hectáreas-- e Valdeorras (Ourense) --10.500 hectáreas--.

Na vaga de lumes do mes de agosto, o maior ata a data foi o do Barbanza, con 2.200 hectáreas arrasadas. Iniciouse na cheminea dunha vivenda particular, segundo a investigación realizada pola Policía Autonómica. Aínda que está estabilizado, este xoves cumpre unha semana aínda sen controlar tras iniciarse o 4 de agosto.

O lume, que comezou na parroquia de Cures, municipio de Boiro (A Coruña), estendeuse polo Barbanza, con afectación aos municipios da Pobra do Caramiñal e Ribeira. As chamas tamén queimaron o monte da Curota.

O seguinte lume con maior superficie queimada no que vai de agosto xa é o de Laza (Ourense), parroquia de Camba, con 1.350 hectáreas calcinadas. Comezou na noite do martes e obrigou a activar unha situación 2 por proximidade ao núcleo das Taboazas, en Chandrexa de Queixa, onde hai 200 hectáreas queimadas. Ambos están activos.

Tamén están activos os lumes de Boborás e O Carballiño (Ourense), en ambos os casos con diversos focos provocados por faíscas ao paso dun tren, con 120 hectáreas arrasadas. Continúa decretada a alerta por proximidade do lume a vivendas.

Igualmente activo está o do Irixo, parroquia de San Cosmede de Cusanca, con 470 hectáreas queimadas. Este lume obrigou a cortar durante o pasado mércores a vía convencional de tren entre O Irixo e Ourense, con transbordo por estrada dos pasaxeiros.

Paralelamente, está estabilizado (aínda sen extinguir) o incendio de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio, con 440 hectáreas. Este municipio xa se viu afectado pola vaga de lumes de xullo. Pola súa banda, hai dous lumes controlados nas Pontes de García Rodríguez, na parroquia homónima e na de Vilavella, que suman 165 hectáreas.

EXTINGUIDOS

Entre os extinguidos no mes de agosto, atópanse os de Verín (600 hectáreas), Caldas de Reis (450 hectáreas), Ponte Caldelas (380 hectáreas), A Mezquita (224 hectáreas) e Maceda (120 hectáreas) como os de maior extensión.

Un dos extinguidos máis significativos foi o do municipio de Monfero (A Coruña), parroquia de Queixeiro, xa que puxo en risco a reserva natural das Fragas do Eume, aínda que se apagou despois de queimar só 0,01 hectáreas de monte arboledo.

A lista dos xa extinguidos en agosto complétase con: Arbo (82 hectáreas), Calvos de Randín (50 hectáreas), Ponteareas (15,6 hectáreas) e Ames (6 hectáreas).

Vista das chamas do incendio, a 10 de agosto de 2022, en Laza, Ourense, Galicia (España). Segundo a última actualización provisional da Consellería de Medio Rural, no municipio de Laza arderon unhas 740 hectáreas por un incendio que xa ameaza. Rosa Veiga - Europa Press
Vista das chamas do incendio, a 10 de agosto de 2022, en Laza, Ourense, Galicia (España). Segundo a última actualización provisional da Consellería de Medio Rural, no municipio de Laza arderon unhas 740 hectáreas por un incendio que xa ameaza. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

INTENCIONALIDADE

Pola súa banda, o alcalde de Chandrexa, Francisco Rodríguez, asegura que "non hai a menor dúbida" de que o lume que se declarou na zona "foi intencionado". En declaracións a Europa Press, o rexedor indica que "a causa foi un lume que se prendeu nos montes de Laza, en Camba, que despois afectou os montes de Chandrexa e aos de Montederramo".

"Son claro, no momento no que saíu ese lume non había treboadas, había temperaturas e sol, pero onde se iniciou o lume non había ningún problema para que se iniciase se non o prendesen", afirma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O lume, que comezou na parroquia de Cures, Boiro, seica foi por culpa dunha cheminea sen limpar ? Como tantas outras casas abandonadas que están a caer en Galicia adiante ! Pero cando preguntas prezo nin venden nin alugan (?) // http://gamela00.blogspot.com/2020/1... Cando non quede nada que queimar seremos un deserto !