O municipio lugués de Monterroso quenta motores para acoller durante este fin de semana a sétima edición do Festival Agrocuir da Ulloa, que volverá reivindicar a diversidade sexual e de xénero no rural.
Este luns tivo lugar a presentación oficial do festival nun acto celebrado no Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, no que participaron a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto e o presidente da Asociación Agrocuir da Ulloa, Adrián Gallero Moreiras.
O festival, que conta coa colaboración do goberno provincial lugués, propón tres días de actividades e músicas para defender a diversidade, tamén no medio rural.
O extenso programa abrirase na mañá do venres con 'Agrocuir en letras', que dará paso a mesas, talleres e moita música, entre a que destacan as propostas de O Rabelo, Fado Bicha, principais citas da primeira xornada.
Para o sábado están programados talleres sobre regueifa, baile tradicional, mitoloxía ou ioga, así como teatro ou xogos.
Os cantos de taberna abrirán fogo á programacion nocturna do último día do festival, que inclúe o concerto de Xosé Lois Romeu e Aliboria. A sesión golfa a cargo de Yiria Imaná, Russ, Teresa Ferreiro e Neto do Rubio porá o broche ao Agrocuir.
"A sétima edición de Agrocuir mantén a mesma filosofía que en anos anteriores: construír espazos que acollan cada vez a máis persoas", resaltou a deputada provincial do goberno lugués, que destacou que o rural "está cheo de xente con ideas e propostas innovadoras" que necesitan "políticas públicas" para que os seus proxectos saian adiante.