Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2022 | Actualizada ás 16:06
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, vinculou con "intereses partidistas" o rexeitamento do PP ao decreto de aforro enerxético do Executivo. A preguntas dos xornalistas, recalcou que existe concienciación por parte de "todos" sobre a "necesidade de tomar medidas". "O que expón o Goberno é unha nova medida e con axudas", manifestou Miñones, para quen é "complicado de entender como un partido pode votar en contra de que se aproben bonificacións para o transporte en Renfe ou o incremento de bolsas".
Ademais, incidiu en que son medidas que "axudan á cidadanía". "Cada un terá que explicar os seus motivos", sentenciou sobre esta cuestión e ante a votación este xoves no Congreso dos Deputados do real decreto lei de medidas de aforro enerxético.
FORMOSO APLAUDE AO GOBERNO
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asegurou que o Goberno central "fai xustiza" con Galicia ao declarar 20 zonas catastróficas en 18 concellos galegos que sufriron grandes incendios ou onde as chamas afectaron a núcleos de poboación.
Este mércores, o día despois de que o Consello de Ministros dese luz verde á declaración de zonas catastróficas en 15 CCAA afectadas por grandes incendios este verán, o líder dos socialistas galegos aplaudiu unha medida que, di, permitirá que "centos de familias, empresas, concellos e administracións afectadas polo lume poidan ter unha liña de axudas clara".
Así o manifestou en declaracións aos medios en Pol, que este mércores celebra a Festa do Imigrante. Alí, Formoso volveu a cargar contra a Xunta, á que responsabiliza da problemática dos incendios forestais, que ve consecuencia "do abandono do rural".
CAMBIO NA POLÍTICA FORESTAL
Neste sentido, demandou "unha política forestal e unha política de ordenación territorial ambiciosas" que, para Formoso, "é a base da revolución que este país necesita" en aras de lograr que "os lumes sexan unha anécdota no futuro". "Cando o goberno galego non ordena o rural, cando non ten a ambición de potenciar forestalmente o rural, o que está a facer é provocar o abandono das aldeas de Galicia, e a súa consecuencia é o lume", aseverou o responable do PSdeG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.