Por Valentin Carrera | Edimburgo | 16/09/2014 | Actualizada ás 12:28
Máis preto de nós, no sagrado nome do IBEX35,El País editorializa que “Escocia é única” e repite “unha singularidade única en Europa, non debe relacionarse con Cataluña nin con outras situacións”. Mentres, para que os escoceses voten en liberdade, multiplícanse as ameazas sobre o euro, a fuxida de bancos e grandes empresas ou a perda das pensións. Ata os produtores de whisky entraron no carrusel.
Este pánico é a demostración do devandito aquí o primeiro día: pase o que pase, os independentistas xa gañaron o referendo. Leo a mesma afirmación por todas partes: Alex Salmond xa gañou, e paréceme tamén que, exercendo o seu dereito a decidir pacificamente, legalmente e con bastante liberdade –a pesar do medo e das ameazas–, votando gañan os escoceses e gaña a democracia en Reino Unido e en toda Europa, aínda que a Orde de Orange hispánica rache as súas masónicas vestiduras.
Si con dicir que “o” de Escocia e “o” de Cataluña son asuntos distintos se resolvese o caguelo... pero hai demasiadas interaccións como para poñerse de perfil, e sospeito que o efecto bolboreta escocesa vai crecer a medida que pasen os días e, desde logo, multiplicarase exponencialmente si o18S gaña o SI.
A sustancia deste óso duro de roer é o concepto de soberanía [outrapalabra gastada, un non se sabe que indivisible e inalienable, que reside no pobo, pero pode ser transferido a Bruxelas en cómodos prazos]. No complexo, moi elaborado e sutil sistema constitucional británico, a soberanía non reside no pobo, senón no parlamento: “Útil ficción a dunha soberanía parlamentaria absoluta –di Keating–. Como U. K. nunca estableceu o principio da soberanía popular, non foi necesario definir o pobo como no modelo republicano clásico”.
Avanzando cara á post-soberanía
A diferenza da Francia do século XIX, “arquetipo do Estado centralizador e unitario”, desde 1707[Acta de Unión], o Reino Unido veu sendo a unión plurinacional e asimétrica de Inglaterra, Gales, Escocia e Irlanda do Norte. Naquel mesmo ano de 1707, aquí rexía o Rei de España, Nápoles, Sicilia e Cerdeña, duque de Milán e soberano dos Países Baixos. ¿Soberano de que? A evolución histórica di que “o Estado-nación non ten por que ser necesariamente unitario” e os constitucionalistas de toda Europa fai tempo que traballan co concepto de “post-soberanía”.
“Son soberano, na miña leira mando eu”, nin sequera é unha verdade a medias, é directamente falso: a súa soberanía de vostede limita ao norte co plan xeral de urbanismo, que non lle deixa construír; ao leste, con tres servidumes de paso do poste de teléfonos, un gasoduto e unha liña de alta tensión; ao oeste co veciño que decidiu instalar unha granxa porcina de cheiro soberano; e ao sur coa hipoteca do seu banco. Como no chiste do taxista portugués, o señor ten razón, pero a razón que ten é pouca, e esa pouca, non lle serve para nada.
Andar a paus por unha soberanía medieval nin é pragmático nin é o que Alex Salmond quere que voten o18S os escoceses, nin creo que estea nas mentes de Artur Mas e Oriol Junqueras. Seguindo a Keating,o debate construtivo que debe interesarnos como europeos, xa sexamos escoceses, galegos ou cataláns, non trata tanto do final da soberanía como dunha nova fase, outro modo de organización política, formas atenuadas de independencia ou, para dicilo tamén en positivo, novos pactos de interdependencia. A leira é miña, pero si Francia pon, non xa unha granxa porcina, senón unha central nuclear en Perpiñán, iguala a miña soberanía á das vítimas de Chernobyl. Vexo difícil que as Forzas Armadas poidan “garantir a soberanía e independencia de España” (Art. 8,Constitución), poñendo portas ao campo. Véxoas máis decididas a recuperar heroicamente o illote de Perejil que a defender a nosa soberanía financeira, claramente expropiada.
Rajoy mírase no espello
Esta idea de postsoberanía é o que trae de novedoso o referendo escocés: tan desfasada é a vella idea de nación como a de Estado: “A integración europea e a devolución subestatal considéranse procesos complementarios, que transforman o Estado desde arriba e desde abaixo” [Keating,A independencia de Escocia].
Desde 1707, Westminster cedeu soberanía moitas veces e Cameron acaba de facer unha proposta de urxencia para salvar os mobles, ou o seu propio traseiro, pero “xa perdeu sen esperar ao xoves” –escribe Lluís Bassets, quen asegura que os resultados de Escocia leranse en todo o mundo “coas paradoxais lentes da interdependencia. Si sae o SI, rodará a cabeza de Cameron e probablemente regresarán os laboristas a Downing Street”.
Namentres, Rajoy fai as contas á inversa e mírase no espello como a madrasta de Brancaneves, “¿Hai alguén máis soberanista que eu?”, esperando gañar o partido en tempo de desconto, pero as urnas marcan o camiño. Como diría Bill Clinton, “Is the interdependencia, stupid”. @ValentinCarrera
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.