Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/09/2014 | Actualizada ás 17:30
Os ecos do “yes, we can” ou o “no, thanks” que se poden escoitar estes días nas rúas de Escocia a propósito do seu referendo de independencia tamén teñen chegado a Galicia. Aquí, os populares teñen manifestado a súa oposición ao proceso, mentres que os nacionalistas apoian o si á independencia.
O 'non' dos populares chegou este xoves por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen confirmou que ten “dúbidas sobre a oportunidade" da consulta pola independencia. En todo caso, suiliñou que respecta a decisión do primeiro ministro inglés, David Cameron, de que se celebre o referendo.
“Comparto as dúbidas de que non se esixan uns resultados referendados e maioritarios para decidir sobre a independencia de Escocia, xa que bastará con maioría simple, no canto de coller simplemente a foto concreta dun día concreto para decidir séculos de historia e o seu impacto na Unión Europea", manifestou.
Unha postura moi diferente a que manteñen os nacionalistas. Así, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, acompañado da súa representante en Europa, Ana Miranda, están estes días en Escocia para apoiar o “si”, xunto con delegacións doutras nacións sen Estado de Europa. Tamén Compromiso por Galicia estará representada a través do xurista e colaborador de GC, Xosé Antón Pérez-Lema.
Quen non se pronunciou sobre este proceso foron os socialistas galegos ou AGE. Tampouco Anova, grupo nacionalista que forma parte de Alternativa Galega de Esquerda, enviou delegación a Edimburgo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.