Escocia votou continuidade e, tamén, cambio

Escocia dixo "NO, thanks" á independencia. Finalmente, os resultados non foron tan axustados como se agardaban, aínda que, a partir de agora, o Goberno británico deberá realizar todas as promesas que fixo nesta campaña, entre elas, a de máis autonomía.

Por X.A. Pérez-Lema | Edimburgo | 19/09/2014 | Actualizada ás 10:17

Comparte esta noticia

A opción pola continuidade no Reino Unido gañou con claridade cunha diferenza superior aos dez puntos (máis do 55% fronte a menos do 45% da opción independentista). A alta participación (84,5%) determinou este resultado, na liña do 54-46% avanzado nas sondaxes feitas na xornada. Onde a participación foi máis baixa gañou o YES (53,5% fronte ao 46,5% en Glasgow, primeira cidade do país e de maioría traballadora, onde votou un 75% dos rexistrados ou 57,5% fronte ao 42,5% en Dundee, cun 79% de participación).Noutros distritos, como Edinburgh, a capital, a diferenza foi duns 23 pontos a prol do NO(61,5% fronte ao 38,5%). Salientábel é a relativa derrota do first minister nacionalista Salmond no seu condado de Aberdeenshire, onde o YES non chegou ao 40% dos votos.

Posto dos favorables ao SI no referendo de Escocia
Posto dos favorables ao SI no referendo de Escocia | Fonte: VC

O NO gañou nas zonas rurais, entre a xente de máis idade, nos lugares onde existen porcentaxes superiores de residentes nados en Inglaterra (12% do censo naceu neste país) e nas contornas máis encadrábeis nas clases medias e superiores. O YES mellora os seus resultados nas contornas urbanas e traballadoras e semella ter sido maioritario entre residentes nados fóra do Reino Unido e votantes de menos de 35 anos, o que determina unha tendencia cara unha meirande nivelación de resultados no futuro.

Canto á alta participación (84,5% dun censo onde é esixíbel o rexistro previo, que asinou o 97% dos potenciais electores)xogou a prol do voto negativo, malia que explica tamén os máis de 1.650.000 votos positivos emitidos, faltando as Highlands por contar.

Efectos políticos deste referendo

Salmond zafou, dende logo, ao obter un resultado que amosa a forteza do sentimento independentista, hoxe espallado moito máis aló do nacionalismo. O elevado número de votos obtido sobarda con moito os rexistros máximos dos nacionalistas do SNP cando obteron a súa maioría absoluta, no 2011. Mais tamén zafou Cameron e, nomeadamente o antigo premier laborista Gordon Brown, que contribuiu reter electores cun discurso ben matinado a prol da Unión a véspera electoral que evitou máis desercións a prol do YES entre os sectores urbanos de voto histórico a prol do laborismo.

O referendo de Escocia provoca diferencias entre os habitantes deste país
O referendo de Escocia provoca diferencias entre os habitantes deste país

En realidade, a cidadanía escocesa pronunciouse con claridade non tanto polo “status quo” como pola perspectiva do máximo autogoberno posíbel dentro do Reino Unido. A prol daquela terceira opción que Salmond quería introducir na pregunta, en outubro do 2012, e que Cameron rexeitou para mancar de morte ao nacionalismo escocés. Que, pola súa transversalidade e por eses case 1,7 millóns de votos obtidos (malia que moitos deles sexan de orixe verde ou ex laborista) semella estar moi vivo.

Maís autogoberno para Escocia

Salmond aplicou de contado o seu Plan B e ven de lle esixir ao tripartito unionista da coalición Better Together que cumpra as súas promesas de transferir novas potestades fiscais, sociais e orzamentarias ao Parlamento escocés de Holyrood. E Cameron ven de anunciar que esta lexislación presentarase no vindeiro xaneiro do 2015 na Cámara dos Comúns de Westminster. Porén, non poderá ser aprobada até despois das eleccións xerais británicas do vindeiro mes de maio. Mais esta lexislación de ampliación do autogoberno abre o debate, segundo manifestan importantes líderes políticos e sociais ingleses, de reducir a capacidade dos membros escoceses do Parlamento estatal de Westminster de decidir en asuntos ingleses. Fálase xa da posibilidade de asembleas lexislativas autónomas para certas partes do territorio inglés, como as Midlands ou Cornualla, mentres a líder nacionalista galesa Jill Evans esixía unha substancial ampliación dos poderes do Parlamento galés de Cardiff Bay, na liña suliñada por Alec Salmond.

Outro referéndum en dez anos?

O experto constitucionalista Michael Keating, consultor do Goberno de Holyrood, non pensa que sexa factíbel un novo referéndum nos vindeiros dez ou quince anos. Considera que moitos esforzos foron investidos xa neste proceso e que agora a cidadanía require atender aos negocios e tecer complicidades. De feito, altos funcionarios do Goberno escocés recoñecen en privado que hai “demasiadas decisións adiadas dende hai máis de dous anos”. 

Mais esta paz social require de que Westminister cumpra coa súa promesa de máis autogoberno, sobre todo fiscal e de que non se lle impoña ao Goberno escocés a axenda de recurtes sociais que Cameron está a desenvolver en Inglaterra. Desta volta a adhesión á independencia dos sectores laboristas non foi tan importante como para consolidar a secesión , mais no futuro podería agromar a proposta dunha nova decisión se non se escoita esa decisión maioritaria que esixe máis devolution e respecto polo modelo de benestar escocés.

O viceprimeiro ministro británico, o lib-dem Nick Clegg, falaba ao amencer a da convivencia entre as catro nacións británicas como un valor a preservar, mentres a libra medraba con forza nos mercados de capitais asiáticos. Mais no Greater London semella que nin lles vai nin lles ben coa decisión escocesa. E moitos esixen que Westminster non gaste na Escocia do que gasta na Inglaterra.

Remanecen, xa que logo, moitas dúbidas. Mais o que ninguén pode negar é que Escocia falou abondo claro e abondo en escocés

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

4 Xandokas

.... pero en Scotland, o pobo soberano votou e decidiu!!! .... en Spain non se permite que os pobos opinen e voten, "...debe ser malo".

3 La Unión

Y callaron las gaitas y las faldas se quedaron a cuadros.

2 Elesmedran

Eu persoalmente penso que Salmond cometeu un erro capital. Non contou co asesoramento de Paco Rodríguez, nin de Bautista Álvarez, nin o de Pilar Garcia Negro. Eles, houvérano sen dúbida conducido cara a vitoria. Son estas persoas —todos líderes naturais da UPG— as que coñecen a realidade, as que están asentadas na terra e gozan dunha capacidade recoñecida para saber o que pensa o pobo. Por iso están a esbarar ao BNG cara o independentismo e o extraparlamentarismo. O camiño correcto para conseguir a celebración dunha consulta pola independencia en Galiza no... 2098.

1 Digno

Si. Ja,ja,ja,ja.

2 Merenda

Aí falaches,elesmedran,pero non esquezas que os independentistas escoceses contaron coa valiosa visita de Vence e Ana Miranda,que foron alá de merendiña

3 Digno

Seguro que gratis total

1 galegoexiliado

Ganaron os vellos, non foi suficente rebaixar a idade de votar, hai que agardar outra xeneración. Curioso, nas democracias a abstención é mínima, claro que nas democaracias orgánicas chega co voto do líder supremo. A pesar de ollar que a democracia é posible catalans, vascos e galegos terán que seguir agardando á fin do franquismo.