Drons que sementan árbores: así poden axudar a reforestar o monte tralos incendios

Con eles é posible sementar ata 400.000 árbores ao día cuns custos ata un 20-30% inferiores á plantación manual.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/08/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As vagas de incendios que este verán está sufrindo Galicia deixan, ata agora, un mal balance: 2022 xa é o segundo peor ano de incendios por hectáreas queimadas desde 2006, tan só por detrás das 60.000 ardidas no 2017; e no que vai de ano case 2.000 persoas tiveron que ser evacuadas das súas casas nun contexto de maior virulencia dos lumes, alentados pola seca do territorio e polas grandes extensións con especies pirófitas. Esta situación coloca as administracións ante o reto de reforestar amplas zonas queimadas, moitas delas de difícil acceso; un traballo no que os drons tamén poden entrar en xogo. 

Manexo dun dron de Aerocámaras
Manexo dun dron de Aerocámaras | Fonte: Aerocámaras

Estes pequenos vehículos aéreos non tripulados poden 'mapear' o territorio para identificar as mellores zonas para plantar e deixar caer alí paquetes con sementes cos que recuperar os ecosistemas forestais. Segundo cifras manexadas por Aerocámaras, empresa galega especialista en drons, con esta técnica é posible plantar ata 400.000 árbores ao día. "É máis rápida, permite empregar unha cantidade menor de sementes que os métodos tradicionais de sementeira manual, e reduce os custos ata nun 20-30%", explica a empresa, que suma outras dúas vantaxes: permiten chegar a terreos de difícil acceso e comezar a plantación un mes despois de extinguido o lume, cando aínda é arriscado para as persoas polas condicións do terreo.

COMO FUNCIONAN?

O sistema procura a fórmula máis eficaz de replantar os montes tras un incendio. Para iso, previamente realízase sobre o terreo un estudo de agricultura de precisión. "Neste traballo empréganse sensores multiespectrais para coñecer o estado e a elevación do terreo e que o dron poida logo seguir a orografía e reducir a marxe de erro cando se introduce a semente no solo", explica a Galicia Confidencial Borja Blanco, CTO e director I+D de Aerocámaras. O obxectivo é coñecer a taxa de supervivencia estimada das sementes seleccionadas para a zona de acción, definida de acordo coas empresas, administracións ou comunidades de montes que solicitaron os traballos de reforestación.

Posteriormente decídese o método a empregar. "O máis sinxelo e o que xeralmente usamos se non precisamos facer unha ordenación do monte é un dron equipado con aspersores cinéticos que espallan as sementes", explica Blanco. Pero hai métodos máis especializados: "Se queremos unha plantación ordenada, poden introducirse as sementes en cápsulas de material biodegradable que logo disparamos con aire comprimido, de xeito que penetren na terra ata cinco centímetros para que non rompan nin sexan arrastradaa pola choiva ou levadas por animais", prosegue. Outros sistemas, máis avanzados e experimentais, consisten en envolver a semente nunha cobertura conxelada para que impacte no chan sen que perigue a súa supervivencia. 

EN CONVERSAS COA ADMINISTRACIÓN

En 2018 realizouse unha proba piloto na zona queimada do Parque Natural do Alto Tajo, onde mediante drons se reforestaron 100.000 árbores en só 5 horas. "A nivel europeo tamén hai empresas que fixeron sistemas similares e demostraron a súa eficacia", explica Blanco, que sinala precisamente que Aerocámaras está "en conversa" con algunhas administracións e institucións para "ver como podemos colaborar de cara á reforestación" dos montes tras as últimas vagas de incendios en Galicia. "Hai que apostar polos drones; na agricultura - viñedos, campos de arroz... - estase empezando a estandarizar o seu uso, pero falta dar ese paso no ámbito do coidado forestal", reclama.

E é que, segundo explican dende Aerocámaras, cada vez que se atopan novas aplicacións nas que poden ser un "aliado fundamental". "Iso fai que moita xente se anime a formarse para aplicar os UAV a diferentes tarefas. Son valiosos tamén para o seguimento de grandes áreas, como a cartografía de zonas queimadas, e tamén como ferramenta estratéxica para o seguimento e conservación da natureza. Moitas comunidades dispoñen xa de aeronaves non tripuladas para supervisar espazos protexidos e detectar posibles anomalías ou comportamentos ilegais", engaden.

Neste sentido, Blanco reclama "axilizar trámites administrativos" para as empresas do sector con "vagaxe e percorrido". "Hoxe en día precisas de moitos permisos especiais para poder lanzar un obxecto desde un dron, e iso aumenta os tempos de xestión previos e os traballos administrativos", explica. "Pertencemos ao sector aeronáutico, entendemos que a seguridade é primordial e que moitos trámites son totalmente necesarios, pero hai outros que poderían solventarse de xeito máis rápido", piden dende Aerocámaras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

400.000 árbores ao día ? Serán árbores virtuais ? Ou sementarán combustible para os incendios dentro de cinco anos (eso se prenden) ? As caralladas informáticas emboban á xente pero darlle ao sacho nin pa dios ! Ala a sementar polo aire...!