As redes de alta tensión cercan Santiago ante a "deixadez" do Concello

A Plataforma pola Recuperación do Sar acusa ao PSOE de non dar os pasos para protexer unha zona boscosa, como se acordara nun pleno municipal de 2019.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/08/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A problemática dos eólicos e, en conxunto, das instalacións eléctricas vencelladas á "transición enerxética", parecen marcadas polo principio político da capitalidade. Na Comunidade de Madrid non se ven muíños de vento, por exemplo, unha problemática que en certa medida afecta tamén a nivel autonómico con Santiago: onde están os que deciden non se poñen cousas feas. 

Estación eléctrica con liñas de alta tensión
Estación eléctrica con liñas de alta tensión

A dinámica podería cambiar tras o anuncio dun proxecto dunha liña de alta tensión que podería afectar á contorna de Santiago e máis concretamente ao Espazo Natural do Souto, unha zona boscosa situada ao suroeste da capital, máis alá da Rocha Vella e que de acordo coa Plataforma pola Recuperación do Sar "suporía un grave impacto sobre a paisaxe local, afectando ao patrimonio arqueolóxico, etnográfico e natural do Souto".

Como adoita pasar, a historia está en que a zona potencialmente afectada é Espazo Natural de Interese Local (ENIL) dende que tal protección se propuxera e aprobara en pleno municipal, sen ningún voto en contra, o 27 de novembro do 2019. Pero esta protección non garante nada. Segundo explican dende a asociación, o proxecto vén de saír do DOG  e está actualmente en exposición pública a información, formando parte dun proxecto maior que se estendería até Mazaricos. 

"No seu último tramo", inciden, "dito proxecto tería un impacto demoledor sobre o Espazo Natural do Souto, situado entre os concellos de Santiago e Ames. A construción da devandita infraestrutura destruiría unha ampla superficie do espazo e fraccionaríao en dúas áreas máis pequenas e vulnerábeis, reducindo significativamente o seu valor ecolóxico e paisaxístico e comprometendo a estabilidade do ecosistema".

Dende a plataforma lembran que o ámbito do Souto xa foi obxecto de ameaza nos últimos anos polo proxecto da nova EDAR para Compostela. "Grazas á mobilización da sociedade civil e de numerosos colectivos, O Souto salvouse de tal afección. Tras este episodio, instouse ao goberno local de Santiago á declaración do Souto como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), nomeadamente polo seu valor patrimonial, arqueolóxico e etnográfico, ademais do natural". "Falamos fun ámbito que acolle numerosas devesas e carballeiras, charcas oligotróficas, eutróficas, e brañas, á vez que especies de fauna protexidas polas Directivas Europeas: a papuxa do mato, a lontra, a ra patilonga, a píntega rabilonga e o caracol de Quimper, entre outras", explican.

DESIDIDA DO GOBERNO DO PSOE

A plataforma explica que nese 2019 presentou unha lista de “demandas e propostas”, nove accions a curto e medio prazo e que se levaron ao pleno do concello de Santiago de Compostela, celebrado o 27 de novembro do 2019. A proposta foi aprobada nese pleno cos votos a favor de todas as forzas políticas alí representadas, agás dos do PSOE, que se abstivo. "Dende entón, o goberno local no deu ningún paso cara á materialización da figura de protección, feito que lamentamos dende a Plataforma pola Recuperación do Sar. Chegamos, así, ao presente, finais de agosto do 2022, sen ningunha medida adoptada. A deixadez do goberno local consecuencias como a que agora observamos: unha nova ameaza que sobre O Souto, que non existiría de terse protexido coa figura do ENIL como se aprobou en dito pleno municipal".

Diante destas circunstancias, a asociación volve instar ao goberno local a que "presente alegacións e se persone contra o trazado proposto para esta infraestrutura". "Do mesmo xeito, animamos á cidadanía a que consulte os detalles e afeccións desta liña de alta sensión, de impacto irreversible para O Souto. Desde a Plataforma pola Recuperación do Sar solicitamos a modificación do proxecto, de xeito que non fenda un espazo de valor incalculable", inciden.

CA PRESENTARÁ ALEGACIÓNS

Compostela Aberta vén de lanzar a súa particular denuncia contra unha situación de "risco" pola que tamén responsabilizan a Bugallo, ao que acusan de "perder tres anos". Dende a formación avanzan que presentarán alegacións contra o proxecto e poñen un pequeno detalle máis ao relato de Recuperación do Sar: o PP optou tamén pola abstención dun proxecto que agora podería afastar as torres de alta tensión de Compostela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta