Scotland The Brave

Hoxe é o día. Case 4,3 millóns de escoceses (moitos deles por primeira vez e 100.000 entre 16 e 18 anos) votarán hoxe a súa independencia. Xosé Antón Pérez Lema está en Edimburgo. Esta é a súa crónica.

Por Galicia Confidencial | Edimburgo | 18/09/2014 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

O dereito a voto exténdese a todos os británicos ou cidadáns dun Estado da Unión Europea ou da Commonwealth con máis de tres anos de residencia, entre eles centos de galegos, 16.000 galeses ou máis de 400.000 ingleses. De feito, malia que catorce das últimas dezaseis enquisas danlle avantaxe ao NO (onte catro coincidiron en reflectir unha avantaxe de catro pontos porcentuais e unha quinta de só dous pontos) a falla de precedentes, o elevado rexistro electoral e o número de novos electores (moitos deles mozos ou residentes nados fóra do País) danlle aos resultados un elevado grao de incerteza.

Campaña a favor do si en Escocia
Campaña a favor do si en Escocia

A campaña do YES SCOTLAND, que promove o voto a prol da independencia,  gañou indubidábelmente na rúa. Onte nos Meadows, a carón da Universidade de Edinburgh, xuntaron varios milleiros en poucas horas de xeito espontáneo, a medio das redes sociais. Desta volta quixeron amosar o apoio doutros países á decisión escocesa e falaron representantes de Galicia, Euskadi, Catalunya, Gales, Bretaña, Quebec, Nova Guiné-Papúa, Francia, Polonia, Alemania e Cachemira. Partillou xente de toda caste, con elevada participación de mozos, mulleres e residentes de orixe non escocesa. A festa espontánea rematou en Holyrood, diante do Parlamento escocés, coa rúa principal da cidade vella (a Royal Mile) totalmente ateigada de xente e grande ambiente de festa.

Poderíase dicir que o first minister Salmond e a viceprimeira ministra Nicola Stugeon xa gañaron, pois que foron quén de chegar a hoxe con este grao de incerteza e porque obtiveron xa unha substancial ampliación do autogoberno escocés mesmo no suposto do voto negativo, como xa ofreceron Miliband, Cameron e Nick Clegg no nome dos tres principais partidos británicos. Mais quizais as cousas non sexan tan doadas. Esta ampliación da devolution non lle permitiría a Escocia administrar o petróleo do Mar do Norte (e os xacementos inexplorados da costa oeste, verdadeira chave do futuro da economía escocesa). Por outra banda, é sabido que na política non existen as derrotas doces. Unha derrota pola mínima do YES adiaría doce ou quince anos a convocatoria doutro referéndum e podería xerar certa frustración na cidadanía. De calquera xeito, a popularidade de Salmond e Stugeon non semella discutíbel, malia certas prevencións a respecto do primeiro das bases laboristas.

Porque, precisamente, a chave desta consulta son os tradicionais votantes do Labour Party, fondamente decepcionados coa terceira vía dos antigos prime ministers Tony Blair e o escocés Gordon Brown, voceiro da campaña unionista  Better Together. Máis dunha terceira parte recoñecen que votarán afirmativamente e fontes oficiosas do SNP recoñecen que se esta porcentaxe acadara o 40% o YES podería gañar. Moitos destes milleiros de escoceses laboristas ollan con certa desconfianza a Salmond e ao SNP, por non partillar a visión nacionalista nin, ao cento por cento, as súas fórmulas económicas de centroesquerda (moi alicerzadas nas políticas sociais, mais tamén na promoción da empresa privada). Mais acreditan que a independencia daralle oportunidade aos socialistas escoceses de refacer un espazo laborista que sexa quén de lle desputar, a medio prazo, a hexemonía política aos nacionalistas.

De calquera xeito, miñas donas e meus señores, a resposta terémola mañá, venres, ben cediño. Mentres, unha longa noite de escrutinio, xa que todos os votos do país contaranse nun único Centro, condado a condado, rematando polas áreas máis poboadas.

Campaña no proceso de independencia de Escocia
Campaña no proceso de independencia de Escocia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta