Ferrol volve converterse no centro da arte urbana da man das Meninas de Canido

Ata o barrio da cidade naval viaxarán esta fin de semana artistas do Estado e internacionais e a gravación da serie Rapa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2022 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

Ferrol convértese este fin de semana, desde este venres, 2 de setembro, e ata o domingo, día 4, no centro da arte urbana con ocasión dunha nova edición, a décimo quinta, das Meninas de Canido, unha proposta impulsada polo artista local Eduardo Hermida e que consiste en que cada participante plasme nunha parede, en pequeno ou gran formato, a súa particular visión do famoso cadro de Velázquez.

Na presentación desta edición, onde ademais de pinturas con diversas técnicas tamén haberá concertos a cargo de grupos locais e tamén xa consagrados, o seu responsable, Eduardo Hermida, lembrou que "isto naceu por parte dun soñador que aspiraba a recompor algo que estaba extremadamente triste". "E aos poucos xuntando a unha chea de persoas construímos unha comunidade exemplarizante, todo un referente para o resto de barrios e que devolveu a esperanza e a ilusión a Ferrol", manifestou.

ESCENARIO DE RAPA

Nesta presentación, tamén se deron cita o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, a delegada da Xunta nesta cidade, Martina Aneiros, e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira. Na súa intervención, o rexedor ferrolán asegurou que "toda a xente que está a rodando a serie Rapa vai estar aquí para tomar algunhas imaxes para poder ser incluílas tamén na segunda tempada, que xa se está gravado".

Nota Meninas De Canido. CONCELLO DE FERROL
Nota Meninas De Canido. CONCELLO DE FERROL | Fonte: Europa Press

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, lembrou que "xa van 15 anos das Meninas de Canido", polo que se pode concluír que se trata "dun evento plenamente consolidado, un auténtico referente, algo moi especial como é a arte urbana e que ademais contará con presenza de artistas de gran relevancia, tanto a nivel nacional como internacional".

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, afirma que cando lle preguntan que lugar visitar en Galicia, sempre recomenda "Ferrol e Ferrolterra" e destacou que se trata dunha "fantástica cidade" e Canido, "un lugar único". O tamén deputado provincial destacou que "iso é moi importante, porque significa que un barrio se está poñendo ao mesmo nivel que unha cidade da importancia Ferrol, un lugar que é unha pasada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta